domingo. 23.01.2022 |
El tiempo
domingo. 23.01.2022
El tiempo

O enigma da linguaxe

Ninguén que tome en serio o asunto pode relacionar o desenvolvemento da linguaxe e a mnemotecnia, polo menos nos termos no que Wolfe o fai

Tom Wolfe

COMO DIRÍA o meu admirado John Cleese, Tom Wolfe xa non é. Non existe, pateou o cubo, el e máis o seu famoso traxe branco —icona moderna, como demostra o feito de que o parodiasen nos Simpsons— foron atoparse co seu creador. Disque foi o grande home do Novo Xornalismo, o seu principal teórico. Non podo eu valorar as súas achegas a tal arte, pero si a unha literatura na que probabelmente pase ao baúl da Historia. Un home branco e anglosaxón máis, unha moda máis, coas súas exclamacións, os seus puntos suspensivos e a brincadeira provocadora de Martini seco na man.

O seu testamento —provisional e en España—, publicado como o resto da súa obra pola editorial Anagrama, é El reino del lenguaje, ensaio provocador sobre un tema complexo e que admite aínda unha boa cantidade de interpretacións. Wolfe non pode en realidade achegar a súa ao non ser lingüista, filósofo nin antropólogo. A súa hipótese final é, sendo benévolo, infantil: ninguén que tome en serio o asunto pode relacionar o desenvolvemento da linguaxe e a mnemotecnia, polo menos nos termos no que el o fai.

Logo se non é un ensaio de tese... que é o libro do virxiniano? Unha diatriba con dous inimigos principais: Charles Darwin e Noam Chomsky. En canto ao primeiro, podemos encadrar a Wolfe entre os críticos construtivos da evolución, na liña de Gould, aínda que non por razóns científicas, senón históricas. Da súa man atopamos a coñecida historia de A.R. Wallace, o naturalista que puido publicar a teoría da evolución antes que Darwin. Este levaba vinte anos traballando nas súas ideas pero non publicara unha soa liña.

Cando recibiu un artigo escrito por Wallace a raíz das súas investigacións en Borneo, decatouse de que podía perder a prioridade. Tece o autor a partir disto unha teoría da conspiración moi do século XXI que obvia o feito de que Wallace, honradamente, recoñeceu a primacía darwiniana.

Ocorre que deixar ben a Wallace é necesario para Wolfe porque así pode desmontar a relación entre evolución e linguaxe, na que aquel non cría. Unha vez demostrado que a fala non é froito da evolución pode pasar ao seu segundo inimigo: Chomsky. Como xa se ten dito en outras ocasións, a figura do filósofo de orixe ucraína é moi difícil de valorar na actualidade, xa que as súas ideas lingüísticas quedaron sepultadas debaixo da súa proxección política. Pero convén lembrar que, antes de se converter en azoute do imperialismo estadounidense, Chomsky era a persoa que reinventara a Lingüística e a levara cara á ciencia definitivamente. Hai que anotar que isto en España apenas tivo efecto, xa que o xenerativismo nunca ten pasado de ser unha teoría marxinal a carón do funcionalismo dominante.

O éxito de Chomsky en Estados Unidos foi absoluto dende mediados dos sesenta e abarcou o enigma da orixe da linguaxe, que segundo o pope do xenerativismo estaba na estrutura mental de todos os seres humanos: cada lingua particular era só unha expresión desa facultade intelectiva. Wolfe describe como esa crenza monolítica quebrou ao chocar coas experiencias do antropólogo David Everett, quen atopou no Amazonas unha tribo que carecía da recursividade, é dicir, da relación da lingua co contexto inmediato. Un grupo de indios desmontara todo o sistema composto por un dos meirandes intelectuais vivos. Como xa dixemos, Wolfe non aporta solucións ao enigma porque non está en situación de facelo. Así, o seu ensaio convértese nun axuste de contas intelectual do que só se pode salvar, para aquel a quen lle guste, o estilo agresivo e intenso, cheo de convites para que o lector reflexione sobre o asunto en cuestión.

O enigma da linguaxe
Comentarios