miércoles. 22.09.2021 |
El tiempo
miércoles. 22.09.2021
El tiempo

Opinións heterodoxas

Poida que La catedral y el niño sexa a mellor novela de Eduardo Blanco Amor

Eduardo Blanco AmorEU SINTO verdadeira devoción por Eduardo Blanco Amor dende que o meu mestre Antón Bao me deu a ler A esmorga no Bacharelato. Tería que repasar, pero ata creo que caeu na miña selectividade e a cousa non foi mal de todo. Sacaba así a espiña de Os biosbardos, que non me gustara nada. Non creo que a novela galega acade un cumio similar neste século porque para facelo teriamos que volver ao clasismo, á opresión militar e lingüística e á emigración masiva. De todo isto e algunhas cuestións máis é filla a obra mestra do escritor ourensán.

Pero... e se A esmorga non fose a mellor novela de Blanco Amor? Velaquí a opinión heterodoxa que anuncia o título desta peza e que pode soar a provocación ou mesmo sacrilexio se entendemos que se trata de infravalorar a historia do Milhomes e os seus compinches. E se a narración máis redonda fose La catedral y el niño, que agora publica Libros del Asteroide?

A literatura española da mitificada etapa entre 'Nada' de Carmen Laforet e 'Tiempo de silencio' de Luis Martín Santos é unha turra

Rescatar esta novela debería ser unha das grandes novas da narrativa en español do ano xunto á republicación dos Campos de Max Aub, pero mergulladas como están as editoriais en tirar do prelo "el último éxito de Fulano que te cambiará la vida" dubido que ninguén se pare demasiado no pobre Blanco Amor, que xa hai moito que non pode facer promoción do que escribiu.

Para comezar os críticos españois deberían afrontar un feito obvio: a literatura española da mitificada etapa que media entre Nada de Carmen Laforet e Tiempo de silencio de Luis Martín Santos é unha turra da que ata o mesmo Ferlosio renega.

Nese contexto apareceu o bildungsroman —palabro alemán que vén a significar novela de autoformación— de Blanco Amor, co seu barroquismo e artificio lingüístico. Tiña o autor preto de 50 anos e non escribira unha soa liña de novela cando lle fixeron un homenaxe en Bos Aires, lugar onde vivira a meirande parte da súa vida adulta. No brinde daquel ágape lembrou a súa infancia en Ourense e os amigos convidárono a que convertese aquela historia en novela.

Ante el érguese a catedral, contrapunto inmóbil do seu desenvolvemento

E así o fixo, transformado en Luis Torralba, fillo hiperestésico e falangueiro dun badulaque e unha santa muller chamada Carmela. A novela desenvólvese no que Zweig chamou «o mundo de onte», enmarcada entre o terremoto que asolou Messina en 1906 e o comezo da Grande Guerra. Neses oito anos fanse tres cortes que se corresponden en esencia coa nenez, a adolescencia e a idade adulta do protagonista. Ante el érguese a catedral, contrapunto inmóbil do seu desenvolvemento: a pedra non cambia e tampouco as mentalidades daqueles que agochan as súas miserias tras os seus muros. A obra é unha crítica desapiadada da igrexa ultramontana da Auria de principios de século, aínda que cos matices que aportan figuras humanas como Portocarrero ou os esquerdistas inanes que limitan as súas protestas ao retórico.

Dentro da heterodoxia que domina todo o libro o máis revolucionario para a época é o tratamento da homosexualidade: o espertar sexual de Luis prodúcese entre homes, cunha mestura de agarimo e amizade e o escenario dun internado, tópico literario da época que deixou obras inmortais coma o AMDG de Pérez de Ayala ou o Törless de Musil. Obviamente isto fixo que en España non se publicase ata 1976, non fose  ser que alguén tomase nota do nefando vicio relatado. Os censores franquistas poderían ter estado máis tranquilos por esa banda, xa que Torralba remata namorado de Ruth, moza de obvias simboloxías bíblicas que conectan co elemento catedralicio.

Moitas son as sutilezas, formais e temáticas, desta novela de Blanco Amor que por sorte toma o camiño da rehabilitación e amósanos nun espello aquel Ourense do que fuxira Curros e que de xeito tan incompleto retratan os manuais literarios históricos.

Opinións heterodoxas
Comentarios