lunes. 23.05.2022 |
El tiempo
lunes. 23.05.2022
El tiempo

"Quero estar sedado"

The Ramones. EP
The Ramones. EP

THE RAMONES non é precisamente o meu grupo preferido, mais si me gustan varias das súas cancións máis coñecidas –ou clásicas, se se quere–. Unha delas é I wanna be sedated e ten unha letra máis sinxela có mecanismo dun chupete: os irmáns Ramone non senten boa parte do seu corpo e desexan que os seden, os poñan nunha cadeira de rodas e os suban a un avión. Cousas de punks.

O tempo da banalización dos tranquilizantes ou sedantes rematou hai moito e o asunto está no centro das polémicas dende hai un tempo, concretamente dende que se declarou unha crise de saúde mental a nivel mundial. E isto foi xa antes de que tivese lugar unha pandemia que nos obrigou a cambiar, quen sabe se para sempre, os nosos hábitos sociais e persoais. Por isto resultan tan oportuno como provocador Sedados, escrito polo profesor de Psicoterapia e psicoterapeuta –este detalle é importante, verán– británico James Davies e editado en España por Capitán Swing.

The Ramones
The Ramones

A tese de Davies levantou unha poeira primeiro na prensa inglesa e, agora, a un nivel moito menor pero si significativo, na española. Para comezar, os datos son contundentes: cada vez hai máis persoas que sofren enfermidades mentais –aínda se collemos cun gran de sal a ampliación dos criterios diagnósticos entre a cuarta edición e a quinta do DSM, o manual de diagnóstico de referencia na Psicoloxía e a Psiquiatría– e dende 1980 o número de persoas que toman un medicamento psiquiátrico en Gran Bretaña aumentou nun 500 por cento. 

Con estes datos na man, hai que buscar unha explicación ao fenómeno. A tradicional, segundo o autor, é prototípica: melloraron as técnicas de diagnóstico, hai máis atención a esas especialidades da medicina e, polo tanto, prodúcense mellores medicamentos que, ademais, resultan máis baratos porque o volume de consumo é moi alto –oferta e demanda, é o mercado, amigos–.

Para o autor é o ultracapitalismo desatado nas últimas décadas, que levou de seu un deterioro dos estados de benestar nos países occidentais

E, pregúntase Davies, se en realidade todo isto está equivocado? E se non estamos perante un problema predominantemente médico senón perante un problema de estrutura social? Para o autor é o ultracapitalismo desatado nas últimas décadas, que levou de seu un deterioro dos estados de benestar nos países occidentais, o que creou este aumento. Fíxoo por dúas vías: a imposición dun ritmo de vida marcado polo estrés e o desprazamento da cuestión da saúde mental exclusivamente cara o individuo, a súa mente e o seu cerebro. Así, por exemplo, millóns de persoas reciben medicación para a ansiedade provocada polo traballo sen que case que ninguén se teña preocupado moi en serio sobre se a mellora das condicións laborais reduciría ese problema a curto e a longo prazo.

O estilo de Davies é contundente e, se se escolman anacos do seu libro, poderíano acusar de manter posturas negacionistas respecto á problemática. Non tal, xa que no seu apoio saen centos de estudos feitos por compañeiros de profesión, que, por algunha razón, non semellan atenderse do mesmo xeito que aqueles que din o contrario. Quizais os máis contundentes sexan os dedicados á esquizofrenia e o efecto da medicación para ela a longo prazo. O feito de que el mesmo pertenza ao gremio da psicoterapia contribúe tamén a minguar certas críticas.

Pode ser que The Ramones quixesen estar sedados e ata que fose bo para a súa arte –non tanto para a súa saúde. O que semella claro é que deberiamos reflexionar sobre a posibilidade de que chegue a estar nesa situación diaria preto dun terzo da poboación e pensar nas causas polas que isto se produciría, estean relacionadas co sistema no que vivimos, a educación emocional que recibimos ou calquera outra cousa. E para matinar sobre iso está unha obra coma esta.

"Quero estar sedado"
Comentarios