jueves. 23.09.2021 |
El tiempo
jueves. 23.09.2021
El tiempo

Tachenkos y Sabonis

HAI ENTIDADES  políticas que transcenden a súa existencia para se converter nunha icona cultural. É o caso da URSS

Moi probabelmente nin eu mesmo gozaría da vida na Unión Soviética (candidato claro ao gulag ou ao ostracismo)… pero non se pode negar que o revival dos soviets é un dos mellores momentos da miña serie favorita —Lenin en Os Simpson rachando a furna de cristal e berrando que ten que esmagar o capitalismo—, que as camisetas co lema CCCP son magníficas e que os ecos do seu baloncesto permanecen na memoria dos millennials.

Eu nacín no ano 82 e todos os do meu tempo tivemos un amigo ou compañeiro alto e con certa habilidade para o baloncesto —despois non confirmada— que recibiu o alcume de Tachenko ou Sabonis. No meu caso era Iván Carreira, agora enxeñeiro forestal, a quen creo que non lle gustaba moito o nome de Sabonis e que tampouco compartía a irascibilidade do pivote lituano. Que tal costume chegase a Cervantes e Becerreá a finais dos 80 demostra o impacto daqueles deportistas na cultura popular.

Aqueles nenos que medraron laiándose da fraxilidade física que fixo que ‘Sabas’ non se convertese no mellor pivote da historia e que admiraron as fazañas de Valters, Volkov ou Kurtinaitis son agora o público obxectivo para libros coma ‘El gigante rojo’, unha historia do baloncesto soviético. Escrito por Marc Bret e Nacho Morejón —antigos compañeiros do mítico foro da ACB—, publica un selo especializado como JC Ediciones.

Unha selección que en 1948 non existía e pertencía a un país esnaquizado tardou menos dun cuarto de século en derrotar aos estadounidenses, inventores do xogo

Bret e Morejón conseguiron co seu esforzo algo insólito: elaborar a obra de referencia sobre o baloncesto soviético lonxe de Rusia. Tiveron varias axudas inestimábeis: a colaboración do antigo xogador Sergei Tarakanov, o modelo de Juanan Hinojo co seu Sueños robados (obra análoga, publicada hai uns anos, sobre o baloncesto iugoslavo) e a metodoloxía de Loose balls —un dos mellores libros sobre baloncesto, pioneiro ademais no uso das entrevistas con protagonistas—. 
Dito isto, a columna que sostén o libro é o dominio do ruso de Bret, que lle permitiu por unha banda entrevistar aos xogadores e adestradores que así o quixeron e por outra acceder a materiais de arquivos polo de agora pouco consultados en Occidente. Dúas son as ausencias máis relevantes e por razóns ben distintas: o adestrador Gomelski finou anos atrás e o sempre túzaro Sabonis non quixo participar no proxecto.

Tres aspectos teñen unha especial importancia na nosa opinión: o primeiro, a posta en valor das fazañas soviéticas: unha selección que en 1948 non existía e pertencía a un país esnaquizado tardou menos dun cuarto de século en derrotar aos estadounidenses, inventores do xogo; o segundo, a descrición do proceso de ‘creación’ de xogadores cuxas cualidades serían aínda agora, máis de corenta anos despois, diferenciais —o fillo de Sabonis é unha estrela da actual NBA e está lonxe dos trazos do seu proxenitor—; o terceiro, a análise das opresivas condicións sociais nas que se desenvolvía o deporte na URSS, con continuas sancións que non respectaban nin ás grandes estrelas por infrinxir normas básicas como usar divisa estranxeira ou traficar para o mercado negro.

Todo isto aparece narrado con grande habilidade: préstase voz aos protagonistas e as súas declaracións están traducidas e editadas para darlle fluidez ao que se conta. Cando os autores toman a palabra demostran coñecemento da historia da URSS e todo o que a rodeaba e capacidade para harmonizar versións que en moitos intres son contraditorias. E o seu esforzo vese recompensado cun libro que supera con moito o deportivo, xa que é interesante e lexíbel para calquera que non sinta paixón polo baloncesto pero si pola historia e a cultura do extinto país dos soviets.

Tachenkos y Sabonis
Comentarios