viernes. 28.01.2022 |
El tiempo
viernes. 28.01.2022
El tiempo

Un tratante de cabalos

COMO ESTOU seguro de que os meus estudantes non me van ler, podo confesar algo en público: como profesor vocacional de Literatura sufro cando teño que ensinarlles a materia. Queda tan afastada dos seus intereses e as súas vivencias 3.0 que semella que un fala para as paredes.
caballo

Andaba eu na dura tarefa de explicar o Romanticismo español –que, para máis inri, quitados catro autores e obras, aburre ás ovellas, para ser sinceros– cando caeu nas miñas mans a nova tradución dunha das grandes obras dese movemento en Europa, e máis en concreto en Alemaña, o Michael Kohlhaas de Heinrich von Kleist. Edita Cátedra en Letras Universais –acompañado dun breve opúsculo sobre o teatro de monicreques no que podemos atopar un avance da presenza do inconsciente no drama e polo tanto un camiño aberto a Ibsen e Freud– a temos que aproveitar para suxerir á editorial que se mergulle no seu amplo catálogo esgotado e reedite quizais algunhas outras obras da época xa difíciles de atopar, como as de Novalis ou o Gato Murr de Hoffman.

Kleist foi un home marcado pola desilusión e a traxedia. Seu pai quixo que fose militar e fracasou; el mesmo quixo estudar, co mesmo resultado; chegados os trinta anos tivo sorte de salvar a vida nunha Prusia esmagada por un Napoleón ao que non se detiña en Iena, Auerstadt ou Wagram; en 1809 namorou de Henriette Vogel e tampouco tivo sorte. Pouco despois ela descubriu que tiña cancro. O 21 de novembro de 1811, xusto 210 anos antes de que eu me puxese a ler o Kohlhaas nunha fría mañá de domingo lucense, Kleist e Vogel foron dar un paseo á beira do berlinés Wannsee e despois dun descansiño Kleist matou a súa namorada e despois volveu a pistola contra si mesmo. Era un suicidio pactado por dúas almas cheas de padecementos.

De tratante de cabalos, digno oficio, pasa a ser un bandido, o prototipo de personaxe asocial que tanto gustaba neses tempo

Polo medio Kleist tivo tempo de representar o mellor da literatura romántica xermana, por suposto coa súa imprescindíbel taxa de fracasos e incomprensións –os seus contemporáneos ignorárono case que por completo–. E o Kohlhaas érguese arestora como o mellor xeito de se achegar á súa obra e ao Romanticismo en xeral.

Estamos na convulsa época de transición entre esa Idade Media que tanto gustaba aos románticos e o Imperio tal e como se vai configurar despois da Reforma. Kohlhaas –personaxe, como tantos outros románticos, inspirado nun contiño popular– é un heroe da vontade, cunha idea da honra propia dos tempos pretéritos pero unha iniciativa dos tempos modernos. O pequeno abuso que contra el se comete lévao a unha terríbel vinganza que o achega aos moitos personaxes diabólicos daquel tempo, dende o Don Xoán de Byron ao Félix de Montemar de Espronceda. De tratante de cabalos, digno oficio, pasa a ser un bandido, o prototipo de personaxe asocial que tanto gustaba neses tempos.

A xustiza e a vinganza de Kohlhaas chegan da man do seu desafío e da maxia, representada esta por un medallón cíngaro que interesa ao elector de Saxonia. O xiro argumental usado por Kleist para resolver a súa historia atópase entre os momentos máis intensos da narración romántica, xa que o realismo cru de boa parte da moi breve novela vese curtado pola introdución do elemento máxico.

E claro, vaia vostede contarlle todo isto aos meus pobres estudantes, aos que a sociedade leva anos transmitindo que nestas inutilidades non hai nada útil, que non coñecen Alemaña nin tratantes de cabalos. Porque Ibai Llanos non se dedica iso, non?

Un tratante de cabalos
Comentarios