miércoles. 11.12.2019 |
El tiempo
miércoles. 11.12.2019
El tiempo

Unha bóveda púrpura

Prince foi o xenio iconoclasta do pop. Musicalmente superdotado, viviu envolto no misterio dunha gravación permanente, nunha das carreiras máis prolíficas e controvertidas do século XX.  Setecentas persoas presentáronse como familiares directos do artista de Minneapolis nos tres días seguintes á súa morte, con só 57 anos. A aparición dun ansiado documental sobre a súa vida promete desentrañar o misterio
Prince
Prince

POLAS RÚAS de Minneapolis leva décadas circulando a mesma lenda. No centro dela encóntranse os estudios Paisley Park —o enorme complexo propiedade de Prince—. Alí existiría unha enorme bóveda subterránea, coma a caixa forte dun banco, á que se accede por unha xigantesca e grosa porta metálica que ten unha roda. Sempre pechada a cal e canto. Está orlada de corredores e andeis onde se acumulan miles de cancións do xenio extravagante do rock and roll. Segundo varios testemuños, para o ano 87 xa estaba repleta. Dise que co material alí acumulado, podería publicarse un disco ao ano durante un século enteiro. Coma na hipnótica peza jazzística de Pharoah Sanders: o Creador tiña un plan mestre.

Prince Rogers Nelson (Minneapolis, Minessota, 1958- 21 de abril de 2016) pareceu encarnar sempre a máxima dos xenios: se hai talento, cómpre malgastalo. Multiinstrumentista insomne, bailarín, compositor pantasma, xenial guitarrista, produtor, cantante, performer, pioneiro... Prince desenvolveuse con disciplina e insistencia en todas as sortes da iconoclastia. Con sete anos, vivira a separación de seus pais -ela, unha cantante de jazz coleccionista de porno; el, un músico noctámbulo con inclinacións bohemias-. De seu pai, que marchara da casa, quedou co piano e aprendeu el só a tocalo. De aí pasara á batería e á guitarra. A xente amoreábase ao pé do bloque onde vivía para escoitar o miúdo rapaciño negro, de pelo afro e mirada lánguida. Con trece anos, calcaba sen esforzo o Sophisticated Lady, de Natalie Cole. Prince foi o príncipe popstar, o andróxino, o enigma, a estrela millonaria, o pervertido. Un xamán persuasivo. O seu nome asóciase aos ritmos electrónicos do pantano e a sintetizadores vertendo sexo; a súa voz era unha mestura de xeado de cristal e chocolate alucinóxeno. Cultivou con idéntica pericia o funk, o rythm and blues, o soul, a electrónica ou mesmo o jazz. Coma se na mesma pel tivesen confluído Jimmy Hendrix, Little Richard, Joni Mitchell e James Brown. Facer o amor na apocalipse, ríos de sangue menstrual ou masturbación e psicodelia son algunhas das temáticas abordadas nas súas letras, que só eran unha: buscaba na selva do tempo a súa cara perdida. Nunca a encontrou.

Prince creceu en Minneapolis e foi alí onde gravaba a maior parte da súa música. A xente que asistía aos concertos da súa primeira banda, normalmente en festas de instituto, cerimonias relixiosas ou hoteis, non podía sospeitar que aquel rapaz, que aínda non se atrevía a cantar —el xulgaba a súa voz non adecuada—, escribiría algúns dos episodios máis brillantes da historia do rock. No 77, vendo o seu talento, a Warner déixalle vía libre para autoproducirse, algo impensábel para un artista de menos de 20 anos. E no 78 grava o seu primeiro disco, For You. E as críticas comezan a comparalo con varias das figuras da música negra. Sonny Thompson, un dos seus baixistas dos comezos, afirmou que Prince xa sabía como tiña que ser todo, o son estaba na súa cabeza. Realizara el mesmo o casting no soto da súa casa. Elixida a banda, dedicábase a gravar en vídeo unha muller en coiros só cuberta por unha chaqueta de pel, seguindo as obsesións familiares. O sexo sería un dos temas centrais da súa vida e da súa obra. Logo do éxito de Purple Rain en 1984, conseguiu construír a súa propia utopía de gravación, Paisley Park. Un lugar cheo de habitacións, cada unha delas con todo o necesario para gravar. Un enxeñeiro de son dispoñíbel as 24 horas. Pero comezan os primeiros problemas: seu irmán Duane ocupábase de lavar o Thunderbird, o coche de Prince. Poñía unha cinta a soar, das moitas que había no vehículo e despois deixábaa no asento de atrás. Aflorou entón o mercado negro: no túnel de lavado roubábanlle aquelas gravacións inéditas e vendíanas a prezo de ouro.

Prince soubo que Dire Straits enchera Wembley durante once noites. Entón pediu que lle reservasen para el 16 datas. Esgotou as entradas

O modus operandi de Prince era sempre parecido; podía acudir a Paisley Park pola mañá, revisar o correo e logo desaparecer ata as cinco ou seis da tarde, para volver coa canción feita, adiantándolle xa aos colaboradores os detalles do vídeoclip. Ano 90, na xira de Nude en Londres: Prince soubo que Dire Straits enchera Wembley durante once noites. Entón pediu que lle reservasen para el 16 datas. Esgotou as entradas. Verán do 93: Prince encóntrase preparando unha xira a Europa. No espazo do ensaio había dous equipos. Nun lado, a banda enteira cos teclados e a sección de vento; noutro, un máis básico con Prince en voz e guitarra, co batería e o baixo. Polo día ensaiaba o programa enteiro e durante a noite o básico. Ninguén sabía moi ben nunca que se propoñía exactamente. Michael Bland, un dos seus guitarristas, é convocado aos estudios un deses días ás dúas da mañá. Cando chega, Prince dille: «Vou gravar un disco. Asegurádevos de que estea ben o son». Gravaron sete pistas simultaneamente con Prince cravando todas as guitarras á primeira. Despois díxolles que o álbum ía ir de agasallo cunha revista. A discográfica non o permitiu. Pero Michael Bland xa estaba na casa outra vez ás catro da mañá. Ano 2002: Eric Leeds, outro dos seus músicos, revela que N.E.W.S, un disco de catro cancións que suman 56 minutos foi gravado exactamente en 56 minutos. Pero as cintas dos descartes comezaran a deteriorarse xa había anos, en pleno cambio ao dixital. Entón tiñan que cociñalas —darlles un golpe de calor no forno—para poder reproducilas e salvalas dixitalmente.
Como puido facer isto? Resulta probábel que por unha comprensión profunda do significado do tempo. Non cría nel. Non vivía ao ritmo de reloxo ningún. E practicamente non durmía. O prolífico da súa obra é equiparábel á intensidade da mesma. Purple Rain: unha canción muda nun álbum que se transforma nunha película, onde el remata de actor.

Paralelamente ao estritamente musical, Prince desenvolveu dende o comezo un afinado sentido da estética e da provocación. A máscara. Adopta múltiples alter egos: Jamie Star, The Kid, Camille, Alexander Nevermind, Joey Coco ou, en plena guerra coa súa discográfica, Tora Tora —nome dun guerreiro xaponés—, comparecendo aos actos públicos con velos que cobren o seu rostro. Agasalla os discos co prezo das entradas. Finalmente, a súa gran creación neste sentido, O Artista antes coñecido como Prince, representado por un estraño pero icónico símbolo tipográfico.

Prince contratara unha pasteleira, malia que nin el nin ninguén comían doces alí. O contábel observou esta circunstancia: Prince despediuno e puxo de contábel á pasteleira

Aínda que o diñeiro non deixou nunca de entrar a esgalla, as contas sempre foron un caos no Universo Prince. Nas épocas máis convulsas, o persoal de Paisley Park podía oscilar de cen persoas a cinco, tendo predilección polo despido dos contábeis. Especialmente aqueles que insinuaban que se malgastaba o diñeiro. Prince contratara unha pasteleira moi reputada de New York, malia que nin el nin ninguén comían doces alí. O contábel observou esta circunstancia e ese foi o seu erro: Prince despediuno e, no seu lugar, puxo de contábel á pasteleira. Ela confesoulle non sentirse preparada para o traballo. El respondeulle: dólares, céntimos, croissants... Que diferenza hai? Inaugurou unha liña directa de merchandising coa que pretendía vender os discos e demais directamente aos seareiros, collendo os pedidos por teléfono e xestionando internamente o transporte. Os discos chegaban meses tarde, a outros cobrábanlles o dobre... Malia todo, vendeu 250.000 copias de Crystal Ball e gañou 11 millóns de dólares.

Así que temos o caprichoso, o xenio desmesurado, o eterno adolescente que canta sobre o sexo e a espiritualidade no mesmo alento. E logo está Prince o enigma. É este último Prince é quen creou o gran misterio na cultura pop: a historia dunha bóveda que contén miles de cancións inéditas. Acostumaba pasarlle aos seus colaboradores notas con títulos de cancións para que as buscasen na caixa forte. Non era unha misión doada, malia estar todo perfectamente catalogado.

En 2001 publica The Rainbow Children, equiparábel na súa carreira ao ‘Bitches Brew’ na de Miles Davis. Fixérase testemuña de Xehová. Para o ano seguinte, coa xira One nite alone... comparece en pequenas salas. Probaban son de catro a oito e media; duchábanse e actuaban de dez a doce. Cando remataban, Prince repasaba os vídeos de cada concerto, revisaba cada un dos elementos decorativos do escenario... Formou grupos extraordinarios, gravando mesmo discos de blues e rock primixenio, no estilo de Ray Charles, nunca viron a luz... En 2004, con Musicology, Prince volve reinar en todo o mundo. As festas sucédense na súa casa de Mullholland Drive. Stevie Wonder ao teclado, Matthew McConaughey tocando cego os bongós. Fai un disco coa dirección da casa, 3121 Mullholland Drive, chega ao número 1. Pero talvez dous momentos resumen mellor ca ningún outro a súa valía como virtuoso da guitarra e artista total. No 2004, nunha homenaxe a George Harrison, interpreta canda Tom Petty, Jeff Line e o fillo do exbeatle xa finado, While my guitar gently sleeps. A canción avanza melodiosa e harmónica ata o seu ecuador cando, coma caído dunha película de debuxos animados, irrompe Prince, de vermello, con sombreiro a xogo e descamisado, e executa máis de tres minutos de riff absolutamente insuperábeis. A outra estampa definitiva é a súa actuación baixo o diluvio universal no intermedio da SuperBowl, a gran final do fútbol americano. Prince aparece aquí vestido de azul turquesa baixo a choiva torrencial coa súa guitarra e executa coma nunca Purple rain. A xestualidade, o dominio absoluto do instrumento, o carisma, o son, a posta en escena atrás dun enorme pano coa sombra esaxerada da súa figura diminuta, a gloria do naufraxio... A perfección dun artista que entendeu coma poucos o esencial: a constante evolución e transformación nunha carreira que non ten fin, pero da que deixou un rastro aínda non rebelado. Agora debe ser noite en Minneapolis. Nalgures, entre os andeis dunha bóveda escura, miles de cancións custodian un sepulcro púrpura. Deixounas alí o guía do desfiladeiro. A radio nunca deixou de soar na súa cabeza.

O seu disco-río, considerado pola crítica como a súa obra mestra. Prince brilla na guitarra e na voz, nun traballo que parte do rythm and blues pero que recolle variadas influenzas do rock and roll. A canción que lle dá nome ao álbum destaca sobre todo o demais, pero inclúense outras picardías musicais, carentes de doble sentido, como Wonderful ass (Cú marabilloso) ou We can fuck (Podemos foder).

Unha bóveda púrpura
Comentarios