viernes. 22.10.2021 |
El tiempo
viernes. 22.10.2021
El tiempo

Unha estrela no cubo de Roque Dalton

"A mellor definición de poesía que encontrei no libro que veño de ler é a de Roque Dalton: "A poesía é o cubo do leite de cabra, onde caeu a estrela por quen todos preguntan"

Unha estrela no cubo de Roque Dalton
Roque Dalton

GLOSA A Celaya// "A poesía é unha arma cargada de futuro// O que pasa é que o futuro é do Banco de Santander". Pero onte á noite o caixeiro de Caños de Meca ignorou os meus reproches. Informoume impasíbel da comisión que tiña de pagar. Estou á beira do Mediterráneo de Heródoto, onda o eterno si do mar de Homero. Que ben se está cando se está ben. Lin estas e outras reflexións en Poesía ¿eres tú? Aproximaciones a la poesía, el poema y el poeta, de Fermín Herrero e Jesús Munárriz. Mais penso que ao poeta hai que se arrimar o xusto, segundo a frase lapidaria de Bolaño nos seus Sepulcros de vaqueros —unha xenial e desacougante serie de outtakes de Os detectives salvaxes e 2666 (Alfaguara)—: "Se o Paraíso, para ser Paraíso, propicia un vasto Inferno, o deber do Poeta é convertir o Paraíso en Inferno". Son covas perigosas, penso eu. Díxoo un vello hai unhas semanas vendo o Mundial, pra sintetizar o tenso ambiente do partido: Arde Noya!

Pois pobre cabalo! E que listos son os vellos. Penso moito no Roberto Bolaño estes días. Na súa relación co noso país: o conto de Castroverde de Os detectives; a pasaxe do libro de Risco Xeografía das Matemáticas pendurado dun cordel na casa do profesor Amalfitano; a mención un tanto inxusta ao Isaac Díaz Pardo e algúns outros, ambas as dúas en 2666. Un auténtico pel roxa.

Eu aquí no Paraíso son máis partidario de preparar un bo café ao amencer. Degústoo en profana comuñón co pacer harmónico das cabras e as ovellas onda un cubo de leite. De converter o Paraíso no Inferno xa se encargan outros ao longo do día. Por iso antes, sempre temos boa conta de tentar engaiolar a beleza coa cámara do noso móbil; dende O Palmar, Conil queda ao lonxe coma un feixe esbrancuxado de sobres que o carteiro esqueceu ao pasar. "Standing on the corner, sweet case in my hand…". E o solpor na corda frouxa do horizonte aseméllase a un refletor colgando do abismo. A tarde agoniza acribillada de xuventude, "Jack is in his corset, and Jane is in her vest", a multitude deambula vomitada en pelotóns de corpos case espidos cara ás barras dos bares de madeira e palla. Eu só miro o mar. "Oh, Sweet Jane..." Así e todo cultivo modestamente a esperanza, levado pola lectura nestes días de Un manifesto rebelde. Contra todo isto, do Manuel Rivas. É un libro luminoso do que aprender. Un lugar onde encontrar acougo; se cadra unha das misións fundamentais dun libro. Non quero inventar o caldo dicindo que o Rivas é un escritor excepcional. Xaora. Pero foi por outra cita do seu Manifesto.

Fíxome pensar nisto e nalgúns silencios que vou observando arredor del. É de Curzio Malaparte: Os escritores contemporáneos non se len uns aos outros, senón que se vixían. É ben mellor lelos. Hai moitas cousas neste libro coas que desertar do activismo dos conformistas. "Oh, sweet Jane, life, life is just to die!". E unha cita máis, o verso de René Chair: "Apresurádevos a deixar no mundo a vosa parte de marabilla, rebeldía e xenerosidade. Contra todo isto".

Inchar o espírito. E Spirit in the sky, a canción de Norman Greenbaum, unha das preferidas de Hunter S. Thompson. Puxémola camiño dos Caños de Meca onte á noite. Unha estraña Meca do hippysmo e de certa gauche divine que agromou do Parque Natural de Breña. Nalgún momento a vila gaditana deulle acubillo tamén ao artisteo flamenco e aos seus acólitos cañí. Ensaiouse tamén aquí e a eito a alegre burbulla dos noventa; cando algún construtor escoitaba o de Crecemento sostíbel soáballe a título de película porno. Atravesamos a pé as súas rúas no crepúsculo, buscando un lugar onde cear.

Apartamentos inda pechados do inverno e persianas a medio baixar, algunha sombra atrás das fiestras, rúas poirentas. Un surfer camiñaba cos pés descalzos e medio espido, cun can no colo, á deriva pola beirarrúa; á fin, entramos nun lugar case deserto. Covas perigosas. Canda os anuncios de comida típica cordobesa lucía un inédito percheiro de camisas do rock, todas á venda. Un tipo de barbas e rastas cos brazos tatuados e cun deles cheos de cadeas tomounos nota sen moita gana —na miña condición de lucense, malia que viaxado, reparo en todos estes detalles—. O outro camareiro era un home afábel, maior, que xogaba coa buxaina de meu fillo. Algo non casaba alí. Era coma neses cadros de Van Eyck: a escena dos nobres acontece no primeiro plano. Pero nas marxes do cadro comezas a ver cousas fodidamente raras. Había un fulano estomballado riba dun sofá, ao fondo do comedor. Medía case dous metros, extremadamente fraco e escunqueirado. Vestido de negro, indumentaria sport e camiseta oficial do Barça. Non apartaba a vista do móbil. De cando en vez intercambiaba miradas cómprices co dono do local, un home malhumorado e corporento. Berraba polo móbil, increpaba o camareiro…

Con este último falei despois fóra. Agradecinlle a honestidade: díxome que el, de cliente, só viñera unha vez ao local e nunca máis. Confesoume tamén que non era camareiro, que vivía nunha caravana onda o mar. E que lle deixaba durmir alí ao seu compañeiro, o vello que xogaba con meu fillo á buxaina. Díxome que ás veces se lle inchaba o espírito… Saímos dalí ao pouco, animados pola experiencia. Veume á cabeza Swedenborg, supoño que pola frase de Bolaño. Cruzamos a rúa e ingresamos nun local fastuoso. Descendimos polas escaleiras recubertas de luxosas alfombras e fomos dar a unha enorme cúpula transparente, colmada de todo luxo de detalles e luces de cores. Intimidounos nun primeiro momento. Sacudiunos a cabeza a música rock instrumental a todo volume e a paradísiaca visión do mar, o ceo crepuscular ao outro lado dos cristais. A inmensidade. Fíxose noite. Observamos o percal: un tipo inglés, impecabelmente vestido de traxe, conversaba cunha muller na penumbra dunha mesa. Primeiras sospeitas. O fulano levaba lentes de sol e andaba eléctrico. Unha parella de veraneantes foi amonestada a berros polo pincha por arrastraren unhas cadeiras polo chan. Acababan de poñer o parqué novo.

De volta na casa quedei matinando en todo isto. Abrín o Évame do Carlos Oroza. Parecía unha noite axeitada pra relelo, aquí á beira do Mediterráneo. No canto diso, decidín volver ao meu paraíso da mañá. Revisei a galería do móbil: nunha foto aparecían uns nenos xogando coa area á beira do mar; unha co faro de Trafalgar ao fondo no solpor; noutra, a horta do labrego onde mercamos as cebolas do xantar. Entón aconteceu: na seguinte foto, varios corpos de pel negra flotaban na auga. Asusteime. Volvín atrás e fun adiante; noutra, un meniño agarrábase aos restos dunha embarcación á deriva, os ollos brancos e perdidos coma lucernas sen vida; noutra máis, varios gardas civís tapaban con mantas os corpos de varios cadáveres tendidos sobre a area da praia, ao pé da auga. Apagóuseme o teléfono. Erguín a cabeza e mirei o mar escuro. O eterno si de Homero seguía a soar de fondo. O sol xa deixara de alumear había horas sobre unha das azoteas máis tristes da Terra. A deste Mediterráneo que é tamén un inmenso Sepulcro Vaqueiro. O Paraíso e o Inferno. A mellor definición de poesía que encontrei no libro que veño de ler é a de Roque Dalton: "A poesía é o cubo do leite de cabra, onde caeu a estrela por quen todos preguntan". Namentres, Salvini e Xesucristo préndenlle lume ás palmeiras.

Unha estrela no cubo de Roque Dalton
Comentarios