Opinión

As portas, abertas

MOITOS DE vostedes, prezados lectores, sobre todo aqueles que viviron, como eu vivín, nunha aldea de Galicia, pobre e con moita xente, lembrarán que as portas das casas non tiñan chave. O curral do veciño non tiña chave para cerrar a súa porta e as fiestras tampouco se podían pechar. Ninguén pechaba a despensa, non tiñan chaves as portas dos sotos, nin as dos sequeiros, nin as tapas das arcas do pan. Non había chaves nin falta que facían. O respecto era suficiente para que todos os veciños souberan do que non era seu.

As portas das cortes, si, tiñan caravillas de ferro do ferreiro do lugar ou trancas de carballo labradas coa machada e acepilladas coa garlopa do carpinteiro, que facía trancas para quen llas pedira en dúas ou tres parroquias da redonda. Era, sen dúbida, un tempo e unha forma de vivir coas portas abertas, sempre coas portas abertas. Agora os tempos son diferentes, péchase todo e todo se pode fechar. Péchanse as organizacións para o desfrute duns poucos, péchase a entrada aos centros educativos e de formación básica ou universitaria, péchanse as listaxes de candidatos ao que sexa e, incluso, os novos teñen dificultades para abrir as portas do porvir.

Segundo Karl Popper, unha sociedade aberta é aquela que pon en liberdade as facultades críticas do home. Liberdade que non interesa aos que manexan a chave só para cerrar

Todo está fechado e con altas medidas de seguridade, con caravillas e trancas sofisticadas e invisibles, con mecanismos técnicos e con chaves informáticas e dixitais de pouco peso, pero de grande resistencia e eficacia no seu cerrar, nese pecho que definitivamente impide a todos vivir nunha sociedade aberta, natural e normal. Nunha sociedade aberta que, segundo Karl Popper, é aquela que pon en liberdade as facultades críticas do home. Liberdade que non interesa aos que manexan a chave só para cerrar. Como cambiaron as cousas, amigos! Falan de liberdade e cerran a cal e canto.

As portas para o cambio e o progreso fican pechadas, en Cataluña, en América e onde queira que vaias, aquí e do outro lado do mar. Non hai por onde entrar en razón, non hai camiño para discusión, logo tamén queda pechado o camiño do progreso. E, de tanto estar cerrado, o asunto acaba afogado e balorento, podre e cheirento. Xa o dicía a Tía Manuela, para respirar, "abride portas e ventás, que entre aire fresco, que purifique o ambiente, o espírito e a alma".

Comentarios