Opinión

100 días de goberno de coalición en Lugo

A xente, fóra das diferenzas políticas, aprecia o sentido común e o entendemento no día a día da xestión municipal valorando aos políticos próximos e resolutivos

DESPOIS DA frustración de ter que enfrontarnos ás cuartas eleccións xerais en catro anos, de sufrir un panorama de alta inestabilidade política (moción de censura, orzamentos prorrogados ata límites insospeitados) en vésperas dunha crise de alcance insospeitado, de avergoñarnos pola falta de cultura do diálogo ou de ter que aturar o infantilismo, o egoísmo e a irresponsabilidade dos líderes dos principais partidos estatais (para min, claramente incapacitados para volver a presentarse despois do estrepitoso fracaso dos últimos cinco meses), é de agradecer que noutras institucións máis próximas (Deputación e concellos lucenses), sen maiorías absolutas, houbese rápidos entendementos entre as diferentes forzas políticas para conseguir investiduras e gobernos con certa estabilidade, con algunha que outra excepción.

Aínda que as novas eleccións xerais serán outra oportunidade para que Galiza teña voz propia no Congreso dos Deputados, sen ter que pedir permiso a Madrid, non é menos certo que o aburrimento da xente pode levarnos a uns resultados electorais negativos para os que cremos na esquerda como única opción política. Pero fronte ao desacordo instalado no parqué madrileño vimos antes que existen administracións como o Concello de Lugo que celebra hoxe os cen primeiros días de goberno bipartito entre PSOE e BNG con abondosos froitos e sobre todo cun proxecto de cidade ilusionante para os vindeiros anos.

A chegada ao goberno do BNG, con Rubén Arroxo á cabeza, supuxo un impulso para a cidade dende o primeiro día. Un cambio no xeito de facer política, priorizando as necesidades das veciñas e veciños, en función das dispoñibilidades das distintas áreas de goberno, e sacando a Lugo dunha parálise na que estivo instalado durante os pasados catro anos. Rubén Arroxo lidera un equipo formado por un total de 5 edís que traballan coordinadamente dende as áreas de: infraestruturas e mobilidade; cultura, turismo e promoción da lingua; paticipación e servizos á cidadanía; e ensino e promoción do coñecemento.

Avanzar na peonalización e calmar o tráfico nas rúas da cidade, expandir as políticas culturais, promocionar os atractivos turísticos, atender á comunidade educativa e dotar de mellores servizos ás veciñas e veciños son prioridades que o BNG atendeu nestes 100 primeiros días de goberno de coalición. Un equipo áxil na xestión que puxo en marcha o demandado arranxo do leirapárking do Hula, o tan importante desbloqueo das relacións institucionais coa Xunta de Galiza ou a volta dos concertos da banda municipal despois de máis de dous anos de inactividade. Pero ademais das actuacións realizadas xa están previstos e orzamentados proxectos tan necesarios e ilusionantes como a peonalización da rúa Quiroga Ballesteros, o pintado dos pasos de peóns na cidade ou a necesaria ampliación do cemiterio municipal. As festas do San Froilán e a xestión cultural terán tamén unha clara impronta nacionalista que aposta pola cultura do país e especialmente polos grupos musicais lucenses.

Porque a xente, fóra das diferenzas políticas, aprecia o entendemento e o sentido común no día a día da xestión municipal valorando aos políticos próximos e resolutivos, para os grandes proxectos de cidade pero tamén para eses pequenos problemas que a cidadanía sofre de cote.

Comentarios