Opinión

Abril é o mes máis cruel

A terra baldía de T. S. Elliot formulou un novo viveiro da poesía desde a súa publicación. Un gran poema que crea un universo novo desde a observación dun convulso ser humano no comezo dun século XX que se atopou cunha guerra e novas percepcións da realidade
T.S. Elliot. EP
photo_camera T.S. Elliot. EP

ESTE É o famoso comezo de A terra baldía, o poema que cumpre cen anos dende a súa creación por T.S. Elliot en 1922, e que a editorial Lumen volve a imprimir para conmemorar esa data, clave na poesía, cunha fermosa edición na que se adxunta tamén o seu primeiro poemario, Prufrock, que xa amosa algunha das claves do que ía vir e que non foi, nin máis nin menos, cunha ruptura coa poesía anterior, provocando un tremor que chegaría a xerar posteriores voces da poesía mundial.

A edición e tradución, da man dun especialista na súa obra, Andreu Jaume, engade ademais varios textos absolutamente luminosos sobre a poesía do que sería Premio Nobel de Literatura e creador, varios anos máis tarde, doutro dos grandes textos da historia da Poesía, como son os seus Catro cuartetos. Pero ata chegar a esos Cuartetos, publicados en 1943, a vida de T. S. Elliot créase en 1888 en St. Louis (Missouri), estudou en Harvard e en 1915 decide instalarse en Londres. Na capital inglesa entra en contacto con Ezra Pound, a quen adicará A terra baldía, e que terá unha grande influencia nel, entrando da súa man en contacto ca vangarda da época. En 1917 publica o seu primeiro libro de poemas, Prufrock e outras observacións, e en 1922 A terra baldía. Crítico, editor e mesmo traballador de banca, en 1948 recibe o Premio Nobel de Literatura, morrendo en 1965.

T.S. Eliot. EP
T.S. Elliot. EP

A terra baldía é un único poema no que se contén unha mirada enfite ao seu tempo. Un ollar que xorde do desacougo despois da Gran Guerra, cunha desolada paisaxe humana arredor da destrución da civilización. Un horror que alenta unha escrita que amosa a devastación dese momento e as tensións que xorden entre o ámbito urbano e o medio rural, que vén ser o mesmo que a tensión entre o home e a natureza; pero tamén se rexistra un tensión entre sexos, entre o home e a muller, é o que Andreu Jaume define como a "experiencia tráxica do desexo".

A liberdade na escrita, ese verso libre e o seu coñecemento dos poetas simbolistas franceses, permitíronlle a T.S. Elliot afastarse da tradición romanticista inglesa. Unha rebeldía interior que conformou este poemario dividido en cinco partes que, como os aneis do inferno desa Divina Comedia do seu admirado Dante –tanto como para discutir ao mesmo Shakespeare–, convídanos a atravesar nun itinerario cheo de "imaxes rotas", de olladas cara unha paisaxe híbrida onde a natureza sente o desafío dese mundo urbano, desa "basura pétrea" como o califica o autor.

En París, en 1920, ao tempo que escribía A terra baldía, Elliot coñece a James Joyce, accedendo ao manuscrito do Ulises que tamén deixou unha pegada no seu poemario. Esa mirada en camiño, esa itinerancia polo ámbito urbano, manexa unha claves moi cercanas á novela e fala desa nova percepción do ser humano, do que acontece ao seu arredor nun siglo que atopaba novas perspectivas para entender á persoa. Dende a arte ou a ciencia, ou os numerosos progresos sociais o século XX compoñía esa nova paisaxe na que un cego, Tiresias, é, dende a súa importancia central no relato, quen tenta ver esa nova realidade e percibir o futuro.

En París, en 1920, ao tempo que escribía A terra baldía, Elliot coñece a James Joyce, accedendo ao manuscrito do Ulises que tamén deixou unha pegada no seu poemario

Ler A terra baldía é un feito determinante para entender a poesía que levedaba no novo século, tamén para enfrontarse a un novo paradigma poético, a unha nova espiritualidade que medraba entre unhas palabras febrís, coa forza dun delirio perfectamente medido e estudado, con fortes anclaxes na historia e nunha tradición que se discutía a si mesma case que en cada verso, como ten que facer toda poesía, nun permanente proceso de discusión das súas posibilidades, das súas voces, sempre na procura dunha nova visión do mundo contemporáneo que non fai máis que espir a quen se consideraba pouco menos que invencible, e que se enfrontaba a unha tormenta humana cunha dose dramática que percorre todo o poemario e que, co paso do tempo, levará a T.S. Elliot, a partir de 1935, a adicarse ao Teatro no que, como aquí acontece, "O vento atravesa desoído a terra parda". Nese vento atoparemos a un creador inmenso, ao poeta que fixo de abril o mes máis cruel, pero tamén a que amosou algo diferente, á persoa e máis a súa sombra, a persoa e as súas novas circunstancias.

Comentarios