Améndoa de vida e memoria

Obra de Lara Pintos. EP
Obra de Lara Pintos. EP
A galería Dupla de Compostela colga das súas paredes varias obras de Lara Pintos nas que esa cidade se reflicte dunha maneira moi especial para os que, por diversas circunstancias, nos sentimos moi apegados a ela. Cidade de vida e memoria construída a base de pinceladas.

Ten a pintura de Lara Pintos, entre moitas das súas capacidades e virtudes, ás de converterse en fragmentos de nós mesmos. Espazos, miradas, recunchos da realidade que ante a nosa presenza convértense en xanelas cara a nosa experiencia vital. Lugares vividos, recoñecidos e transitados nalgúns momentos da nosa existencia e que xa forman parte do que somos. Compostela é motivo e inspiración dunha pintura que, ao seu realismo, engádelle a captura da súa atmosfera, dese contexto contido no paso do tempo que dota de vida o que vai máis alá dunha mera representación pictórica, que estremece e provoca o arreguizo en quen se sitúa ante estas pezas que falan dunha cidade, pero tamén de cada un de nós e do noso contacto inesquecible con ela.

O que cabe nunha améndoa é o título desta exposición que na rúa Virxe da Cerca, espazo limiar desa améndoa urbanística na que Compostela amosa todo o seu esplendor histórico de pedra e campás, de lugares que forman parte da memoria dos que nacimos ou vivimos nela nos tempos universitarios, pero, sobre todo, símbolo dunha cidade singular como poucas e tamén non poucas veces tema de representación artística. Lara Pintos enfróntase, daquela, a un motivo cheo de fermosura e posibilidades, pero tamén non deixa de ser un desafío por toda esa tradición da súa representación do que a artista coruñesa sae ben parada.

Os que levamos seguindo a pintura de Lara Pintos non nos sorprende o éxito do seu proxecto, a materialización dunha serie de lugares donde se xuntan a evocación e o recordo, coa representación física do espazo, creando unha simbiose que é a que dota de forza e realidade cada unha destas pinturas. Obras que nos levan a exteriores, a rúas e arquitecturas, pero tamén a interiores, normalmente cafés onde a vida se agolpa ao longo das diferentes horas do día. Unha vida que aquí se borra en canto á presenza humana, son os obxectos  coa súa existencia os que falan de nós, representan aos que non estamos alí de xeito físico, pero si, dalgún modo case máxico, grazas a como é quen de conter neses lenzos unha atmosfera enchoupada de vida, Lara Pintos dótaos desa existencia humana.

Con unha cidade sometida a un brutal e impactante cambio na súa fisonomía pola masiva presenza turística, coa muda de moitos modelos de comercio ou ocio que formaban parte da súa personalidade, Lara Pintos fai tamén da súa pintura un acto de resistencia, a representación de espazos non colonizados pola barbarie, lugares que manteñen esa identidade que hoxe é unha illa reconfortante e así o transmiten eses interiores ben coñecidos de cadeiras e mesas onde o tempo detido exerce a súa complicidade coa nosa presenza, coa nosa memoria e a lembranza do que eses lugares significaron para cada un de nós.

Nos exteriores a artista amosa de xeito abraiante esa facilidade para a representación, para reflectir as diferentes condicións en que dependendo da hora do día e en función das condicións meteorolóxicas podemos ver esas arquitecturas ou rúas elexidas. Humidades, pegadas, o tempo, as intervencións das persoas... axústanse a eses motivos que xeran unha poética do espazo que remiten a Gaston Bachelard e como "nas ensoñacións do recuncho pódese ser outro".

Os encadres de tipo fotográfico cos que traballa Lara Pintos outórgalle tamén as súas pinturas, esa condición do momentáneo, a forza dun instante que se captura cando está a piques de acontecer algo ou vén de suceder calquera cousa. Todas elas aparentemente anecdóticas, todas elas sen unha gran trascendencia, pero todas elas formando parte do alento vital que é o que lle dá sentido a calquera colectivo humano, neste caso a unha Compostela de rúas estreitas, de pedras gastadas, de comercios que pechan e de bares nos que a vida se resiste a ser derrotada por un tempo ante o que a pintura de Lara Pintos se converte nun muro da memoria difícil de ser derrubado.

Comentarios