O arreguizo da pincelada
Graduada en Belas Artes na Facultade de Pontevedra, a artista do Porriño, Lúa Gándara, ofrece na nosa paisaxe plástica unha das obras máis suxestivas dende unha aposta pictórica que converte a pincelada nunha exclamación, nun berro que dende a cor e a relación entre as cores alude directamente a un espectador que se ve atrapado nesa diálectica tonal que, en propostas como a realizada na Fundación Granell, froito dunha residencia artística, acada unha dimensión ata o de agora non recoñecida nesta artista.
Se ata o momento nos atopamos as obras de Lúa Gandara en proxectos colectivos ou en mostras de menor tamaño, a aposta feita dende Fundación Granell ao convidala a participar na novena edición de Artista en Residencia, da man do comisario da mostra, Edu Valiña, permite redimensionar o potencial creativo e visual de Lúa Gándara e recoñecer toda unha serie de elementos que xorden dun traballo máis amplo e que se prolonga en varios espazos dunha fundación marcada sempre polo surrealismo do inmenso artista que a nomea e que, mesmo en algúns casos, semella adentrarse nas pezas da artista convidada.
Cor, trazo e forma, aínda que dende variadas posibilidades, cítanse nas superficies desta artista que sitúa todas esas compoñentes baixo unha estela rítmica que mesmo a pon en relación con cuestións vencelladas a elementos sonoros e musicais. Vertente artística da que Lúa Gándara cursou un posgrado en Creación Sonora na Universidade de Barcelona e que non se pode afastar da súa acción plástica o que non deixa de facer medrar as súas posibilidades, sobre todo ese senso de tipo sensorial que enseguida se atopa nas súas obras, capacitadas para atrapar ao espectador, para convertelo en cómplice dese discurso rítmico que deixa pegada mediante a pincelada e estremece dende o emprego da cor.
Atopámonos ante unhas abstraccións que en determinados momentos nos lembran ao lirismo de Kandinsy, aínda que nelas se agoche tamén unha visceralidade non tan medida como a do pintor vangardista, unha visceralidade que tamén nos leva ao primixenio valor da pintura, a unha inocencia que converte a cor nunha expresión primaria do ser humano que, ao vencellarse con outras pezas, ou, mesmo cando se establece esa coreografía de pinceladas dentro do propio cadro, se acada unha madurez que lle outorga unha gran consistencia á peza e que se prolonga ao longo dunha exposición que, sen dúbida, servirá para marcar un antes e un despois na traxectoria artística desta creadora. Extraordinarias son tamén as súas grandes disposicións de obra en papel, amplos murais nos que se dispoñen non poucas pezas que dende ese soporte lles concede unha lixeireza que traballa dende o interior da obra cunha maior fluidez da cor e desa mancha que semella estar viva e mudar case que a cada momento ou en función do punto de vista escollido para a súa observación.
«Lúa Gándara funciona como unha organización, unha estrutura ramificada onde entran a formar parte as achegas doutros creadores, producindo materiais que se relacionan co propio contexto vital e que marcan a súa traxectoria en función de momentos e encontros persoais», estas palabras, apuntadas polo comisario da exposición, refiren a importancia da experiencia na obra de Lúa Gándara, a necesidade do contacto con outros artistas ou todo aquilo que acontece no taller como xeito de atopar e atoparse con novas realidades persoais ou alleas. Os títulos das pezas, como acontecía nas propias obras de Eugenio Granell, teñen unha enorme relevancia nas súas obras como maneira de abrir camiños de relación co visitante, como suxestión para, dende a imaxe, propoñer un elo entre a mirada do espectador e un contido que nunha primera achega é puramente emocional pero que logo, como nunha sucesión de capas que atopamos nesas superficies, é quen de desvear diferentes intencións.
Lenzo, papel, mesmo prendas de roupa, serven de soporte para unha pintura que non garda nada, que se volve un arreguizo dende a pincelada e a exclamación da cor como unha maneira de axitar a un espectador demasiado acostumado ao compadreo con outras opcións pictóricas que o deixan indiferente.