sábado. 23.10.2021 |
El tiempo
sábado. 23.10.2021
El tiempo

Arte no ventre da balea

No Museo Centro Gaiás atopamos unha nova lectura da moi meritoria Colección Carlos Rosón de Arte Contemporánea que, baixo o comisariado de Bea Espejo, atopa na cor un fío que a explica e que se presenta dun xeito dinámico a través dunha travesía do branco ao negro

DISTINCIÓNS tan importantes como as concedidas por Arco en 2009 ou o Premio Arte e Mecenado da Obra Social La Caixa, xunto coa declaración de ben de interese cultural (BIC) por parte da Xunta, fálannos da relevancia da Colección Rosón de Arte Contemporánea, cuxa sede se atopa no Casco Vello de Pontevevedra. Os que acostumamos a través de diferentes mostras a achegarnos en sucesivos momentos a todas esas obras, dende as propostas expositivas ou a presenza física dos artistas, valoramos a súa intelixente configuración, tan necesaria para entender a arte do noso tempo, pero tamén como xeito de valorar os nosos creadores. Cada vez dun xeito máis intenso a Fundación RAC suma nesa lectura pezas de artistas da nosa contorna, ao tempo que, cando se ve seducida por algunha obra de fóra, esta serve para que esa colección sexa cada vez máis completa, pluridisciplinar e sempre engaiolante. E así é como podemos falar de máis de trescentas obras e 160 artistas para fornecer unha das coleccións particulares máis importantes de todo o Estado.

Con estes materiais proponse a exposición que baixo o suxerente título de podemos visitar ata o 5 de setembro no Museo Gaiás. A súa comisaría, Bea Espejo, soubo artellar dúas ideas relevantes á hora de enfrontarse ao que non deixa de ser un reto pola cantidade e calidade das pezas que conforman eses fondos e que supón calquera limitación, tanto de espazo coma de pezas. A primeira é a de traballar dende a cor como argumento. Un elemento importante no conxunto da Colección, pero o que moitas veces non se lle presta atención como algo relevante ou, polo menos, para facer unha aproximación de conxunto. E a segunda é a disposición dese percorrido, no sempre complexo espazo para facer exposicións no Museo Gaiás, propoñendo un devir lineal, no que seguir un itinerario sen distracións, nin fuxidas cara outros lugares que nos poidan facer perder o fío dun conxunto que deste xeito traballa  fronte ao espectador que se sente moverse polos latexos desas cores ao longo dun tubo dixestivo que segue a impulsar esa sensación que nomea a propia exposición de atoparnos no interior dunha balea. Recupera así a comisaria a figura que creou o propio arquitecto da Cidade da Cultura, Peter Eisenman, arredor da imaxe evocada por Melville no seu famoso Moby Dick, xerando, para este espazo, unha sorte de "esquelete de cetáceo" e de cuxo ventre blanco xorde todo ese universo de cores.

Pinturas, fotografías, instalacións, escultura... en definitiva, linguaxes diversas para un tempo diverso en propostas e interrogacións acerca da nosa realidade

Partimos do branco, desa cor que é case a mesma negación da cor, pero sen dúbida algunha é o mellor xeito de arrincar baixo ese concepto. Despois dese branco, vermellos, azuis, verdes ata o negro final dende o que sentimos esa nova perspectiva que acada mostra dende as 53 pezas seleccionadas na procura dunha infinda gama de sensacións como cada as que se agochan en cada unha desas pezas obras de relevantes nomes da escena artística internacional como Tracey Moffat, Roman Signer, Tacita Dean ou David Zink Yi, cuxa lura enchoupada na súa negra tinta e todo un símbolo da exposición. Pero alí tamén están Tapies, Guerrero, Aballí, Benjamín Torres, Cynthi Guerrero, todos eles con pezas espectaculares e, por suposto, moitos creadores galegos como Ángela de la Cruz, Diego Santomé, ou os formados na pontevedresa Facultade de Belas Artes Sara Coleman, Rosendo Cid ou Marcos Covelo, xa ombreiro con ombreiro coas grandes referencias da arte contemporánea internacional.

Pinturas, fotografías, instalacións, escultura... en definitiva, linguaxes diversas para un tempo diverso en propostas e interrogacións acerca da nosa realidade, e da que aquí temos unha boa mostra de cómo a arte contemporánea, dende a súa complexidade, ao tempo que fascinación, é quen de tentar desentrañar ese novelo escuro no que vivimos ata o punto de poder chegar a vernos engulidos por unha balea branca nesa travesía da que, abofé, sairemos reforzados.

Arte no ventre da balea
Comentarios