Cartografía dunha identidade
A primeiros deste mes Samuel Merino acadaba en Madrid o premio Nacional de Poesía Viva no que participaron máis de quinientos poetas e que organiza o Ámbito Cultural de El Corte Inglés. Os que coñecemos o traballo de Samuel Merino sabemos que a súa poesía acada dende a súa boca unha nova dimensión, unha maneira de proxectarse dende o eu máis íntimo cara o exterior capaz de conmover a quen se poña ante este poeta cada vez máis firme na súa proposta creativa, cada vez máis coñecedor do que a poesía é quen de facer polo ser humano e que está deixando en nós poemarios cheos dunha contundencia que estremece.
Por esta mesma sección pasou hai un tempo Claustro corda comensal, unha estarrecedora estadía nun sanatorio mental feita poemas dunha sinceridade que ao lector lle fai tremer as mans e golpe a a alma mentres suxeita aquela edición de Galaxia. Agora temos recén publicado, desta vez por Xerais, o seu último libro, Manual de camuflaxe, merecedor do XIII Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey, no que de novo atopamos esa honestidade que tan ben lle senta ao acto poético e que agora se converte nunha "cartografía dos territorios múltiples e complexos da identidade, o desexo e a superviviencia" que é como se refire de manera precisa a tamén poeta Oriana Méndez no limiar dun poemario que nos conduce por esa identidade asumida dende o recoñecemento dun mesmo, co que iso comparte de valentía, non só ante os demais, senón coa propia presenza ante o espello.
Tres partes que se fían como un todo, unha harmonía con picos de tensión que xorden das dúbidas e das incertezas, sendo aí onde ten sentido a paradoxa da camuflaxe e o desexo de ser visto, escribir para amosarse. Territorio da ambigüidade no que o poeta procura tamén a compañía da filosofía, do pensamento e a reflexión como ferramentas para alumear alí onde a escuridade se amosa demasiado densa. Derrida ou Agambem veñen ao rescate ou, cando menos, a deixar unha corda pola que gabear e atopar así unha saída que precisa da memoria, do corpo, do segredo, da revelación. Puntos cardinais dunha poesía enmarcada na alteridade dun poema final e outro final que ao xeito dun imán modifican as agullas do compás nun sorte de travesía á procura dun rumbo certo.
Nesa confusión enxértanse as tres partes do libro. Unha primeira que vén definida pola necesidade, pola ansia da poética por dicir, por nomear ou sinalar ese estado de alerta. O balizar a relación coa contorna e a resistencia ante o palpitar da vida. Os silencios e mesmo as violencias. A segunda signifícase polo arreguizo tras ler "no podía nomearme sen romperme" onde quizais estea o auténtico xermolo deste libro, o conflito que funciona como un tinteiro do que sacar as palabras precisas para loitar contra o desamparo, as caídas, as incertezas. Mentres, a terceira parte, podemos dicir que ten a forma dun verbo, a que el mesmo precisa para pronunciarse. A continxencia dun glosario para logo expulsalo, para moldealo dende a experiencia da voz, da achega dende os seus beizos.
"Vinde agora canda min tocádeme/cercade a miña boca/ tomade estas palabras e repetide conmigo/está quente si/vive", escribe o poeta deixando claras as súas intencións, a conquista dunha oralidade que redimensiona a palabra escrita e proxecta o potencial artístico de Samuel Merino como poucos outros creadores do noso país.
Esa vida é a que entendeu o xurado do premio Nacional de Poesía Viva, o que tamén entendemos todos cando escoitamos a pulsión creativa de Samuel Merino cun micrófono na man e cando todo acada o seu latexo último ese que recoñece este Premio baixo a coordinación de Gonzalo Ecarpa, que pon en valor ese aspecto da poesía, o da oralidade, co que non adoita conectar o lector por non ter a oportunidade de escoitar aos poetas converter a súa obra nun lóstrego que tensa ao espectador, como sucedeu neste certame que finalizou cunha gala poética que tivo lugar no Museo Thyssen de Madrid ata onde chegou a voz, a lingua galega e a singular xenialiade de Samuel Merino en forma de poemas como os deste ‘Manual de camuflaxe’ na procura da identidade.