Opinión

A conquista da gargallada

Cuñados, o filme dirixido por Toño López e interpretado por ese trío infalible do humor formado por Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez, revélase na taquilla como un deses éxitos tan necesarios para o noso cine través de hora e media de risadas impagables
Touriñán
photo_camera Touriñán

Unha famosa frase da estrela cómica nos tempos do cine mudo, Mack Sennett, resume, como poucas expresións, o complicado que é facer unha boa comedia: "A calquera se lle pode facer chorar cunha cebola, pero aínda non se descubriu o legume que faga rir". Unha frase de 1926 que lle daba valor ao cine vencellado á esa comedia que moitas veces se marxinou en canto a aplausos e favores, sobre todo do mundo da crítica, en relación ao dramático, que sempre semella ter unha maior consideración. Facer unha boa comedia é algo moi complexo, xa que precisa enguedellar toda unha serie de pezas que van dende un bo guión, un ritmo axeitado e unha montaxe medida xunto a unhas interpretacións que encaixen entre elas e, ademais, con todos eses outros elementos.

O cinema galego propón con Cuñados, da productora Portocabo, unha desas comedias que funcionan como un reloxo e que, polo tanto, desencadean nas taquillas un efecto de arrastre de público que é ben necesario para o noso audiovisual, tan xustamente gabado por outros produtos cheos de virtudes estéticas, conceptuais e narrativas, pero que para artellar un ecosistema cinematográfico diverso tamén precisa deste outro tipo de producións, máis lixeiras en canto as súas pretensións, pero que cando están ben feitas convértense en pequenas xoias que nos levan a recuperar esa complicidade do cinema co seu público, e desta vez, vaia se se recupera a través da conquista da gargallada.

Aquí a cousa non vai de legumes, senón de viño e polbo. Unha dupla identitaria que xa establece unha confianza co público ao que pouco a pouco se lle adentra na trama dun secuestro co que tentar resolver as imperiosas necesidades económicas de dous cuñados dun Ourense cos viñedos do Ribeiro ao fondo e o seu equipo de baloncesto na procura do ascenso á Liga ACB.

Temos, polo tanto, unha comedia de enredo vencellada a unha contorna xeográfica moi determinada, o que é tamén importante, cando tantas veces nos últimos tempos foron áreas da nosa costa atlántica as máis reflectidas no cinema galego. Unha mirada cara o noso interior no que os protagonistas másculinos, Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez, ben secundados por Eva Fernández, María Vázquez,  Mela Casal e Iolanda Muíños, compoñen un enredo ao que xa nos vemos abocados dende os primeiros momentos do filme, ese no que comezamos a empatizar con estes personaxes bos e inocentes aos que a vida sitúa nunha complicada situación. Pouco a pouco sabemos que cada paso vai ser máis desafortunado que o anterior pero o que para eles vai ser un desastre para o público é unha beizón xa que as risadas comezan a sucederse na sala de cine, ese espazo que tanto precisamos tras peches pandémicos e medos que, afortunadamente, despéxanse día tras día, estrea tras estrea.

Eses tres actores non deixan de agasallarnos momentos inesquecibles ao longo do filme, entre os que sobresaen a borracheira que todos eles collen nas primeiras horas do secuestro

Cada unha desas risas son a mellor medicina para a nosa alma, pero tamén para o noso propio cine, tan necesitado de levar xente a enfrontarse ás súas posibilidades. Un cine falado na nosa lingua que, ante un marabilloso solpor nunha bodega tras toda unha xornada de botar sulfato, xera unha desas atmosferas que só unha pantalla é quen de conseguir.

Eses tres actores non deixan de agasallarnos momentos inesquecibles ao longo do filme, entre os que sobresaen a borracheira que todos eles collen nas primeiras horas do secuestro e as diferentes declaracións na comisaría. A partir de aí sucederánse os acontecementos, perfectamente ben fiados no guión que asina Araceli Gonda, e que, como acontece con toda boa comedia, é a súa gran clave de bóveda, de aí que os diferentes xiros que nel teñen lugar estean perfectamente encaixados nesa outra dinámica do filme que vén da man das relacións familiares dos protagonistas: pasados profesionais sen superar, complicacións de parella, negocios pendentes de éxito e que son os que lle dan esa presencia real do social que sempre precisa a comedia para poder facer da risa o mellor engraxador das nosas vidas.

 Así que xa saben, se queren botar unha hora e media afastados deste mundo noso cada vez máis áspero teñen en Cuñados unha oportunidade irrepetible para conquistar esa gargallada que, coa que está a caer, é cada vez máis difícil de atopar.

Comentarios