Fiando imaxes de si

Obra de Marta María Pérez na mostra do Marco. AEP
Obra de Marta María Pérez na mostra do Marco. AEP
O Museo Marco acolle a primeira exposición con fondos propios da colección do centro, incipiente aínda, pero que amosa a contextualización das artistas galegas en clave internacional dende un discurso baseado no corpo, na identidade e na vindicación do feminino.

Yolanda Herranz, Marta María Pérez Bravo e Andrea Costas, protagonizan a interesante mostra coa que o Marco vigués amosa unha das súas liñas na conformación dunha colección artística propia, ao tecer unha firme complicidade entre unha artista bilbaína residente en Pontevedra, unha cubana que vive en México e unha viguesa. Tres mulleres, tres imaxinarios e tres corpos que reflexionan arredor de si mesmas dende cuestións coas que todas elas adoitan traballar, como son a identidade, o autorretrato, a presenza do corpo, a vindicación da condición feminina e ás referencias á historia ou á arte como parte dunha experiencia emocional.

Unha coexistencia que redunda en cada unha delas, tal e como se aprecia ao percorrer á exposición que, a medida que se van recorrendo as diferentes propostas de cada unha das creadoras, lonxe de axitar o enfrontamento, xeran unha consonancia visual e argumental que reafirma as accións individuais, que se amosan a xeito de pequenas exposicións, pero mantendo unha dialéctica visual e argumental entre elas, nunha representación en campo aberto que permite estar ante a obra dunha delas sen perder a conexión coas súas compañeiras de mostra.

Ese traballo de marcado carácter autorrepresentativo que define a mostra Unha imaxe de si, baixo o comisariado de Miguel Fernández Cid e María Seoane, lévanos ao traballo de cada unha das protagonistas, agora felizmente incluídas na colección que o Marco fai dos artistas que participaron en mostras anteriores nos seus espazos e que se integran, máis que nunha colección nun diálogo coa contemporaneidade dende a nosa identidade.

Así é como Yolanda Herranz propón dentro do seu proxecto A arte cura unha serie de imaxes que permite, dende a súa habitual relación entre texto e imaxe, amosar un interior inesperado que camiña nesa indagación do máis íntimo, á vez que fronte ao espectador provoca un impacto visual de alta voltaxe. Toda unha referencia pioneira nese ámbito de traballo de vindicación feminista, a obra de Yolanda Herranz, profesora na Facultade de de Belas Artes de Pontevedra, converteuse dende hai anos nun vieiro a seguir por outras moitas creadoras que coincidiron con ela en grupos de traballo, de investigación ou mesmo baixo os seus numerosos comisariados. 

Marta María Pérez Bravo traballa esa condición do autorretrato dun xeito escenográfico e cunha alta carga simbólica e tamén cunha clara lectura do seu contexto vital, en relación a tradicións, cultos e rituais. Tamén posee unha forte pegada de tipo onírica que amplia a condición estética da súa obra.  

Pola súa banda, a viguesa Andrea Costas enfróntanos, de novo, como xa gozamos hai uns meses nestas mesmas salas dun xeito máis amplo, ao seu proxecto Desapego, no que alude a súa  biografía para confrontar a maternidade co contexto social no que estamos envoltos, nunha reformulación desa situación dende o cotiá ou ordinario, atopándonos en moitos casos con novos significantes que derivan en sentimentos como a dor, a vulnerabilidade, a fraxilidade ou mesmo a resistencia.

Enfrontarse a cada un destes argumentarios plásticos configura unha experiencia en si mesma, e a afirmación da arte como xeito de exploración de nós mesmos en determinados contextos colectivos, como nos que podemos desenvolver as nosas vidas na actualidade. Esta triple percepción da relación muller-sociedade, dende unha interesante exploración autoreferencial, non fai máis que ampliar as posibilidades da arte para interrogarnos, para cuestionar de xeito afortunado moitas interferencias que adoitamos compoñer en relación ao feminino e ante o que a representación artística ten moito que dicir.

Estas salas do primeiro andar do Marco convértense ata o 9 de marzo nunha exploración chea de virtudes do que pode chegar a ser esta colección do Museo que, máis alá do puramente plástico, procura establecer un diálogo coa nosa sociedade, dun xeito comprometido con relatos que claramente estiveron afastados dos idearios culturais e institucionais, facendo destas imaxes de si, imaxes de nós.

Comentarios