A memoria da cor de Xaquín Chaves

Xaquín Chaves. EP
Xaquín Chaves. EP
A galería Dupla de Compostela acolle a obra de Xaquín Chaves como un canto á memoria que se establece dende a cor, dende as súas posibilidades para reflectir sensacións e emocións, mesmo arrecendos de lecturas e descubertas materiais.

NON DEIXA de medrar e madurar a pintura de Xaquín Chaves, atopando, en cada exposición, ante cada cadro, vieiros de emocións que o pintor do Salnés acada convertendo a cor e a súa xestualidade nun pasaporte emocional que te engule e co que non deixa de abraiar, ao tempo que alenta novas posibilidades para fornecer o seu traballo. Abofé que estamos ante uns dos creadores galegos nun mellor estado de forma, que leva dende hai décadas construíndo paseniño todo un argumentario propio, sen atender a presas nin a obrigas expositivas ou comerciais. Só ante a pintura, só ante si mesmo.

Se o pasado ano nos amosou na sala Rivas Briones de Vilagarcía unha espectacular e especial mostra: Terra. Un itinerario pictórico pola natureza, na que miraba cara a natureza dun xeito decidido e case terapéutico que se estableceu durante os meses da pandemia e no que amosou o seu maxisterio para o debuxo e a pintura de ton máis realista, cheo de sensibilidade e mesmo inzado dunha poética de raíz xaponesa, absolutamente impactante; nesta mostra, que podemos visitar na galería Dupla de Compostela, Xaquín Chaves volve a darlle protagonismo ao territorio da abstracción, aínda que sempre, en cada un dos seus cadros, atopamos un elemento, un fragmento de suxeición á realidade para nuncar perder pé na nosa contorna.

Di Xaquín Chaves que «só se pode pintar o pasado», e con iso o pintor o que nos quere dicir é que pintar é establecer unha viaxe cara as emocións que xa foron, unha navegación pola memoria, co que iso ten de encher de néboas a realidade, converténdose cada vez en máis difusa e quedando nas mans do pintor para que a modele en función das súas intencións e, sobre todo, dese lóstrego que xorde do seu interior cando se trata de interpretar unha cuestión determinada. Desta maneira cada unha destas pezas xorde dalgunha experiencia, dalgún momento enfrontado a unha paisaxe, a unha vivencia urbana, á lectura dun texto... en definitiva a esa chea de impactos cos que a vida nos rodea e aos que adoitamos facerlle máis ou menos caso.

Convértese, daquela, a pintura de Xaquín Chaves nunha sorte de compás da súa existencia, cunha extraordinaria capacidade de evocación, no que o real, xa convertido en impacto, tradúcese nun conxunto de veladuras, manchas ou cores, pletórica de sensacións que se evidencian pola xestualidade do pintor que deixa a súa pegada ao longo de toda a superficie poñendo ante nós unha serie de pezas coas que sentimos o vigor dese universo orgánico cheo de fluidez, que converte cada obra nun territorio asumido polo artista como seu, nesa mestura do pasado e a memoria, aos que nós, coa nosa contemplación, lle concedemos a afouteza do presente. Mais tamén na exposición atopamos ese carácter exploratorio do artista, sempre indagando en novas posibilidades de representación e así atopamos varias pezas escultóricas nas que o material acada un protagonismo pleno e nas que prácticamente no que se centra o creador é en deixar constancia do seu contacto coa peza, da marca que sinala esa relación maiúscula entre os dous establecendo unha relación de confianza.

Se naquela exposición tan vencellada á natureza Xaquín Chaves deulle todo o protagonismo á auténtica patria da súa inspiración, a esa natureza chea de perfectas imperfeccións, agora, cunha maior liberdade na súa representación, atopamos como é a memoria a que emerxe como axente fundamental para a súa explicación, ou mellor, dito, para a súa emoción. Vémolo moi claro nese cadro no que atopamos unha cabina telefónica londinense, resumida nunha forma modelada pola néboa e na que o impacto dese vermello o di todo, funcionando non como unha representación da realidade, senón como o resumo dun impacto, a imaxe recuperada tempo despois da vivencia que xorde nun intre.

Intres como os que remiten ás lecturas de autores como Juan Rulfo, Carlos Oroza ou Malcom Lowry capaces de dirixir a man deste pintor dende as súas páxinas, de novo dende a importancia da cor como catalizador de impresións previas fixadas xa, para sempre, na memoria de Xaquín Chaves.

Comentarios