Moldes dende a figura

Obra de Manuel Moldes. EP
Obra de Manuel Moldes. EP
A Fundación Manuel Moldes acolle ata o remate de abril unha achega á presenza da figuración na súa obra, e cómo a xestionou nos seus diferentes momentos.

CONVÉRTESE a pintura de Manuel Moldes nun permanente territorio de coñecemento e mesmo de descuberta das intencións do creador pontevedrés en relación a súa obra e como esta se mergulla nun contexto humano que, dunha ou doutra maneira, sempre está detrás das súas arelas plásticas. Xunto á conservación e á difusión da súa obra, a Fundación Manuel Moldes activa tamén diferentes mostras que procuran a análise das distintas etapas creativas ou de elementos que integran a súa obra ao longo das súas pezas e que singularizan unha maneira de traballar de enorme riqueza dentro do ámbito creativo galego.

Moldes dende a figura é unha proposta que xestiona a presenza do ser humano nas súas obras, un percorrido por diferentes momentos nos que a figura asoma como unha referencia, como unha sorte de tótem dende o que activar toda unha serie de situacións que permitan entender cada un deses momentos, tendo como eixo á presenza humana, que non sempre tivo protagonismo ao longo da súa traxectoria con series como as dos Links, os Vieiros ou os Taboleiros nos que estivo ausente, sometida a un afastamento que se solventou nos últimos anos de vida do pintor cunha efervescente recuperación chega de matices e vencellada a motivos distintos, como podía ser unha resposta ante as situacións de crises económicas e sociais ou cando acadou unha recuperación dende a memoria e a intimidade do pasado, chea de sensualidade, como na serie das ‘Bañistas do Lérez’ que se converteron no seu remate pictórico.

"Eu básicamente teño unha tendencia cara a figuración. Sempre hai unha idea na miña pintura que é o matiz do expresionismo e me sinto moi a gusto nesa parcela". Desta forma contestaba o propio Manuel Moldes nunha entrevista publicada en Diario de Pontevedra en 1995 sobre ese traballo dende a figura, que definira boa parte do seu facer ata ese momento, xusto cando comezaría a discutirse a súa presenza.

A figuración en Manuel Moldes temos que entendela tamén como unha cómplice da permanente experimentación formal do pintor, xa non só do propio corpo, senón da súa relación co espacio e o ámbito emocional que adoita formar parte delas a través de situacións como as que xorden da rebeldía, a memoria, a identidade ou o compromiso. Todos lembramos as súas figuras máis poderosas, as que teñen que ver con esa etapa figurativa dos anos 80 nas que grandes ollos e unhas mans desproporcionadas concedían as súas figuras un carácter expresionista que permitía entender a posición do pintor fronte a súa sociedade, nun momento de tensión creativa que converteu a Pontevedra no marco axeitado para enfrontarse ao mundo, para reivindicar unha pintura que dende a cerna da memoria íntima permitía convocar toda unha serie de cuestións relacionadas co universal. Varias pezas aquí nos conducen a ese momento, os debuxos previos as súas Mozas de Pontevedra ou o espectacular O Cristo das Rías Baixas, que centra o protagonismo desta exposición coa su poderosa e rebelde presenza e que ademais vén a reivindicar o sentido da pintura como resposta a un tempo e a un contexto social, de aí que ese Cristo completamente espido, colocado ao revés, rodeado de elementos clásicos da Pontevedra más tradicional, converteuse nun berro que foi mesmo tapado cun telón pola censura pontevedresesa na súa exposición pública en 1985 e que volveu a sufrir esa persecución cando se amosou de novo en Compostela, na exposición Casus belli sobre obras censuradas, sendo de novo censurado por diversos estamentos relixiosos e políticos xa no 2011. De novo agora reclama o seu protagonismo como obra maiúscula no devir de Manuel Moldes. Un berro máis entre outros berros como o Electric man dos seus inicios en Atlántica, ou os rostros da indignación tras a crise económica e que, xunto a referencias a pintores como Bacon, Picasso ou Cézanne, obxecto da súa admiración, converten este mostra nunha imprescindible achega ao xeito en que Manuel Moldes resolveu ese, por el mesmo chamado ‘conflito’, que supoñía enfrontarse á figura humana dentro dun cadro e coa que chegou a reconciliarse a través do desnudo feminino das súas ‘Bañistas do Lérez’, o seu emocionante testamento pictórico.

Comentarios