O pincel persistente
Máis de oitenta obras tentan resumir a longa traxectoria artística de Luis Torras que cos seus 111 anos de vida interrumpidos co seu pasamento no 2024 acumulou unha gran cantidade de obra que se converteu en testemuña de non poucas décadas dos séculos XX e XXI, significándose como unha maneira tamén de entender a obra dun pintor en relación aos diferentes tempos polos que transcurriu a súa vida.
Unhas obras que, debido a esa gran cantidade de fondos como os que se gardan no espazo que na Casa das Artes de Vigo se lle adica, rotarán nos vindeiros meses para ampliar olladas e profundizar nunha obra con moitos puntos de interese para o espectador cotiá, pero tamén para o profesional da arte que é posible que non considerase todavía o suficientemente ben a obra dun creador que camiñou por libre, sen enmarcarse en ningún grupo ou xeración, mantendo sempre unha liberdade que dota a súa obra dunha valente singularidade. Falamos dun espazo que vén de xestionar unha profundísima reforma que mellora tanto as propias salas como a iluminación, e diferentes elementos didácticos para poder contemplar e percorrer estas obras como se merece este pintor que deixou para a súa cidade unha gran parte do seu legado artístico no que Vigo estivo sempre moi presente de moi diferentes maneiras.
Estamos ante unha firme aposta do Concello de Vigo que nos últimos tempos lle está a dar un profundo cambio a diferentes espazos artísticos da cidade no que unha nova programación máis diversa e atenta a diversas liñas de traballo, tanto relacionadas coa actualidade como a revisión de obras e traxectorias do pasado, converténdose así nun poderoso atractivo cultural nunha cidade con numerosas posibilidades e potencialidades nese ámbito e agora semella que redescuberto.
É a mirada do propio Luis Torras, a través dun espléndido autorretrato, o primeiro que nos encontramos ao acceder a ese espazo que acolle a mostra que co título Luis Torras, pincel persistente de Vigo, alude a esa condición de pintor ata o último dos seus 111 días de vida. Días nos que sempre había un tempo para enfrontarse ao lenzo, para materializar esa visión que provocaba no seu interior unha inquedanza que debía atopar unha saída, e, por suposto, ese Vigo que sempre estivo presente no seu traballo, primeiro como lugar dende o que ver e sentir o mundo, todo aquilo que o rodeaba, e logo, moitas veces como motivo no que fixarse. Paisaxes rurais, urbanos, praias, motivos laborais... ao longo da exposición vemos como Vigo se converte ao longo da súa obra nun protagonista indiscutible do seu traballo. Pero houbo moitos máis que son os que atopamos na interesante montaxe que se nos ofrece e que comeza co seu estudo, cun gran cadro que reflicte o que podía ser o seu lugar habitual de traballo visto polos seus ollos e vitrinas con elementos e obxectos nos que se contén esa vida diaria, esa paixón pola pintura.
A partir de aí percorremos diferentes espazos relacionados coas súas viaxes, con diálogos con outros pintores, coas paisaxes, coas naturezas mortas ou con retratos moi vencellados a súa vida nos que acada unha fonda intimidade. Nas obras que se amosan en todos eles se aprecia a súa excelencia como pintor, o interese pola cor e pola materia como recursos expresivos, e tamén diferentes intentos por transitar por ámbitos da modernidade, especialmente recoñecibles en diferentes cadros de paisaxes ou nun fantástico conxunto de portas que amosan na súa superficie numerosas situacións referidas tanto ao propio desenvolvemento plástico da pintura como dunha poesía do decurso do tempo e como iso sempre deixa un pouso nas cousas. Unha pegada convertida en pintura que coquetea cos abismos da abstracción.
Pero Luis Torras tamén destaca, como bo pintor que era e sabedor das súas posibilidades para dominar o oficio, no traballo cos bodegóns. Auténticos resumos do que pode acadar un pintor. Pouco importa se falamos dun pintor do Renacemento ou do século XX, nesa representación dos obxectos, de elementos naturais sobre unha superficie, un pintor é capaz de reflectir o seu universo propio como con poucos motivos máis. Percorrer estas salas é facelo xunto a un nome imprescindible da nosa plástica, un pincel persiste que deixa un fondo legado aínda por revisar en toda a súa complexidade e trascendencia.