lunes. 24.01.2022 |
El tiempo
lunes. 24.01.2022
El tiempo

Somos éxodo en celo

O que fica fóra é o novo monllo de poemas de Manuel Rivas. Un exercicio de fixación dese espazo limiar do ser humano a través da palabra e a esculca visible da escrita íntima. Un ronsel de tinta que, feita pegada, amosa o compromiso de quen porta a luz do candil na escuridade

CADA LIBRO que xorde do prelo da editoria Apiario é unha festa. Unha conquista lúdica e sensorial da poesía, non só como plataforma dende a que comezar unha viaxe, senón como materialización do respecto ao feito mítico de facer libros, de deixar por escrito a palabra dos que antes soñaron e falaron, dos que entenden a poesía como a maneira de comprender unha realidade que enguedella ao eu coa súa contorna.

Remata o ano a editora coruñesa con tres títulos, tres nomes que veñen a sumarse ao seu ronsel de versos e arreguizos. Lorena Conde e a súa Ave do paraíso, Pablo Otero con Darbo e Manuel Rivas con O que fica fóra achegan a súa sensibilidade a ese selo, ao tempo que poñen nas nosas mans tres poéticas maneiras de entender e enfrontarse ao mundo.

Manuel Rivas adoita nas súas sinaturas de libros a facer unha construción poética da realidade a través de imaxes e palabras que el mesmo concreta nas primeras páxinas das obras que os seus lectores lle entregan nun acto de suprema comuñón. Moitas desas imaxes, a pegada desas palabras e debuxos, que, como cempés buscan o seu xeito nesas páxinas en branco, son parte deste poemario de palabra e acción, de poemas que pescudan nese linde que nos rodea sempre, zonas case invisíbeis: as liñas do horizonte, as fronteiras, os días rebeldes, a lingua, a noite que bate... por citar algún deses recunchos de nós onde se mergulla o poeta para cumprir esa eterna función da poesía que, xusto nestes mismos momentos nos que estou a escribir, recupera outro vate que fala pola radio, Mario Obrero, ao dicir que "a poesía é unha maneira de cuestionarse as cousas".

O que fica fóra é precisamente iso, o cuestionamento dunha realidade cada vez máis enchoupada de medos, con cada vez máis grallas, con cada vez menos vagalumes, abofé que unha sociedade á deriva dende o social, o político, o cultural ou mesmo o ecolóxico. Poemas que son un mayday de imaxes que repenican como a campana da parroquia nunha convocatoria de urxencia. O arrebato da comunidade antes as columnas de fume da destrución.

O que fica fóra ten ese carácter de achega dunha nova territorialidade da poesía, a da vertebración dunha serie de imaxes que xorden da palabra

A carón dos poemas Manuel Rivas tamén traballa dende a grafía, o simbolismo da palabra afastada da máquina, desterrada da tecnoloxía na recuperación do acto xestual, a pegada humana, o maxín no ronsel do vento, o borrancho, o erro como parte de nós. "Somos escuridade a verdear", afirma o poeta, neste rexistro da visibilidade da palabra, unha segunda opción dos poemas anteriores que agora estouran nunha nova dimensión, como castañas no lume. Volvamos ao territorio anterior, a esa palabra núa que nos ispe a todos, á Terra de ninguén, ao éxodo en celo que somos, para sentírmonos acompañados por este Caronte entre sombras atopar a luz que se agocha nos cantís, alí onde todo semella rematar, as zonas de fronteira que cada vez nos coutan máis, o espiño que nos ameaza, as máis das veces sen darnos conta, as máis das veces desprezando o poder do medo. Nevermore berrou o corvo, asumindo a escuridade. "Pobre, pobre,/ é non ter/ escuridade ningunha". Haiku secreto nun libro cheo de secretos, poemas que ollan tamén dende a memoria á nai, ao territorio das voces baixas que resoan dende a sabedoría do tempo, raíces que levedan dende o manuscrito da terra. Imaxes e máis imaxes que escintilan en cada un dos versos nese S.O.S. en que nos convertemos co paso do tempo e que Manuel Rivas concentra tanto na palabra como na pegada dixital que sementa un libro que se converte en obxecto plástico en espazo vívido. Tránsito humano na síntese da pel.

O que fica fóra ten, polo tanto, ese carácter de achega dunha nova territorialidade da poesía, a da vertebración dunha serie de imaxes que xorden da palabra, antes da memoria e do arreguizo, para converter así cada páxina nun compás co que movernos no exilio vital, nese sometemento do extravío no que tantas veces dubidamos de nós mesmos.

Somos éxodo en celo