O valor das outras historias posibles

Peza exposta na mostra. EP
Peza exposta na mostra. EP
Por enriba de proxectos máis espectaculares e mediáticos certas exposicións revélanse como necesarias para obter unha radiografía precisa da nosa arte nas últimas décadas, nas que moitas opcións foron oreladas dos discursos oficiais e porque outras historias son posibles.

Nesas referidas situacións do ámbito privado, a vida profesional ou familiar, tamén ten cabida na súa valoración polo que achega á propia obra de arte, absolutamente indisociable do que se vive portas a fóra do estudo ou do que ten que ver con cadanseu contexto social e histórico.

Aínda que todas elas naceron na década dos anos 50 o seu traballo é diverso e non responde a unha órbita xeracional ou común que nos faga entendela como un grupo, senón que as súas propostas individuais deben ser entendidas como pezas dun puzle que agora se tenta armar, como unha mirada en paralelo a outras que se conformaron de xeito natural ao longo dos anos.

Seis mulleres que, só por selo, atoparon no desenvolvemento da súa paixón artística moitos máis atrancos, incomprensións e indefinicións que se fosen homes e que agora podemos analizar dende o artístico, dende unha axeitada selección de pezas que resume diferentes momentos desas traxectorias. A espontaneidade e a frescura é o primeiro que impacta ao enfrontarse ao traballo de Ana García Pan, cheo dunha contundencia irónica á hora de aproximarse a nosa sociedade. Pola súa banda, Blanca Silva ten a muller como a gran protagonista das súas obras. Mulleres sedutoras e obxetos de desexo que aluden ao noso xeito de mirar, nun proceso no que a abstracción imporase ao longo dos anos. En Laura Terré a súa pintura reflicte de xeito explícito o ámbito social no que desenvolve a súa vida. Especialmente relevantes pola súa contundencia visual e precisa técnica son as súas xilografías.

Emilia Guimeráns é escultora e traballa a cerámica como soporte artístico, algo non moi habitual a finais dos anos 80 cando comeza a expoñer a súa obra, con pezas que amosan novas posibilidades, non só na súa produción, senón na súa exhibición e de que maneira a obras se relaciona no espazo co espectador. Tusi Sandoval, tamén é unha renovadora formal ao traballar a pel como soporte artístico. Peles que unidas funcionan como cicatrices, como unha costura vital que converte as súas superficies, máis alá do puramente visual, en ámbitos de reflexión sobre o propio devir do feminino.

Por último, Anne Heyvaert, docente na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, traballa dende un estremecedor realismo na súa pintura, no que se representan obxectos cotiáns, elementos que nos poden parecer anodinos e que no interior do cadro atopan unha nova dimensión das súas significacións que se moven sempre arredor dunha pregunta: que é a realidade?

Preguntas son, precisamente, as que rodean a este tipo de exposicións, sobre o porqué da pouca presenza de determinadas creadoras noutros territorios artísticos, tamén do papel da muller na nosa historiografía artística ou do silencio cómplice do que todos somos culpables nesa historia canónica que actitudes e comisariados valentes como o desta mostra permiten redimensionar dende novos puntos de vista que nos permiten entender que outras historias son posibles.

Comentarios