Cultura

A escavación subacuática de Ribadeo saca á luz valiosos restos do galeón San Giacomo

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, trasladouse este luns ata Ribadeo para acompañar ao equipo de arqueólogos que traballa na nova campaña impulsada pola Xunta no galeón San Giacomo de Galizia. A intervención subacuática forma parte dunha actuación integral en marcha desde 2018 para avanzar no coñecemento da construción naval da Coroa Española do século XVI. 

Durante a súa visita, Román Rodríguez, coñeceu a nave onde están expostos os restos descubertos e felicitou ao equipo de traballo pola importancia e valor para o patrimonio subacuático de Galicia dos achados que saíron á luz nesta nova campaña que deu comezo o pasado 13 de outubro. "A nosa comunidade sitúase nun dos primeiros postos mundiais en canto á riqueza e variedade do patrimonio cultural, tamén do que está baixo a auga, por iso son importantes actuacións como esta que nos axudan a pór en valor noso legado subacuático", destacou o conselleiro.

UN GRAN XACEMENTO. A campaña actual, que concluirá o vindeiro venres, cumpre coa finalidade de obter unha visión transversal do costado de babor e, ademais, constatar que o pecio conserva preto dun 20% da estrutura da cuberta ao longo da eslora no costado de babor. 

Durante os traballos en marcha, os arqueólogos tamén localizaron unha cureña naval, un elemento novo en España que consiste nun tipo de carro para montar as pezas de artillería, así como unha gran cantidade de munición de pedra e ferro. O pecio do San Giacomo é un dos grandes xacementos localizados ata o momento da súa época e, estes últimos anos, está a achegar unha importante información arqueolóxica sobre a construción naval da Coroa do século XVI

Comentarios