Ábalos propón poder viaxar entre provincias ou comunidades en fase 3 desde o día 7

A Xunta quere abrir a mobilidade por toda Galicia, pero esperará a coñecer o Real Decreto para a ampliación do estado de alarma
Proc/JFIF/EFE-Calidad:Excelente
photo_camera José Luís Ábalos, no Senado. EFE

Os desprazamentos entre provincias dunha mesma Comunidade Autónoma ou incluso entre autonomías que desde o domingo 7 de xuño estean en fase 3 -Galicia solicitaraa para o luns 8- é unha posibilidade que se abre coa sexta e última prórroga do estado de alarma, explicou este luns o ministro de Tranportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luís Ábalos.

"Pódese establecer a mobilidade dentro dunha mesma Comunidade Autónoma ou entre Comunidades Autónomas que estean na mesma fase", explicou Ábalos nunha entrevista en TVE, recollida por Europa Press.

A sexta e definitiva prórroga do estado de alarma que o Goberno solicitará ao Congreso dos Deputados contempla deixar en mans das Comunidades Autónomas que entren na fase 3 (a última prevista no plan de transición) a duración e as condicións da mesma, salvo no que respecta á mobilidade, aspecto que seguirá controlando o Executivo.

Ábalos explicou que se o estado de alarma termina o 21 de xuño para todo o país non será posible seguir restrinxindo a mobilidade entre provincias como ata agora. Pero a partir do 7 de xuño, coa última prórroga, será posible naqueles territorios que estean en fase 3, se así o deciden e a evolución da epidemia permíteo, que se poida "establecer un nivel de mobilidade ben dentro dunha Comunidade Autónoma ou incluso entre Comunidades que estean nunha mesma fase", precisou o ministro.

Petición da Xunta

Precisamente, a circulación entre provincias é unha das principais demandas da Xunta desde que comezou o proceso de desescalada. De feito, o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este domingo que, se o Estado delegaba nas autonomías a xestión da fase 3, "unha das primeiras cousas" que ditaría a Administración galega sería "recuperar a mobilidade interprovincial".

Así o asegurou na rolda de prensa posterior á videoconferencia co presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, e o resto de líderes autonómicos. Con todo, minutos despois, o propio Sánchez comparecía ante os medios e matizaba que será o Estado o que se reserve o control da mobilidade.

A pesar das palabras de Ábalos este luns, fontes da Xunta apuntan a Europa Press que haberá que esperar á a publicación e aprobación do Real Decreto de ampliación do estado de alarma para coñecer o alcance desa delegación de competencias en fase 3, na que toda a comunidade galega espera entrar o vindeiro luns 8 de xuño.

De ser así, Galicia "asumirá a propia decisión, no exercicio das súas competencias, de recuperar a mobilidade dentro das catro provincias, as sete cidades e os 313 concellos", adiantou Feijóo na súa rolda de prensa deste domingo.

Baleares proba piloto

O ministro confirmou o anuncio feito pola presidenta de Baleares, Francina Armengol, con respecto a que a corentena imposta aos turistas procedentes do estranxeiro levantarase o 21 de xuño, cando se levante o estado de alarma, no arquipélago, adiantándose á data do 1 de xullo prevista nun principio polo Goberno.

Ábalos explicou que se trata de pór en marcha un proxecto piloto de "corredores seguros" para voos que teñan como orixe e destino lugares con niveis baixos de contagios por coronavirus, como poida ser tamén Canarias.

Eses días de proba nos arquipélagos permitirán xa que logo preparar a apertura máis xeneralizada do país ao turismo, engadiu o ministro.

Preguntado polos apoios que o Goberno solicitará este mércores no Congreso para esta última prórroga do estado de alarma --tendo en conta que se garantiu o respaldo do PNV e a abstención de ERC-- Ábalos indicou con respecto ao voto de Cidadáns, que ata agora votou si a todas as prórrogas, que non cambiaron as circunstancias sanitarias que xustifican o mantemento do estado de alarma ata o 21 de xuño. Agora ben, precisou que el non leva a negociación cos grupos.

Comentarios