Alfonso Riveiro toma o relevo de Lois Caeiro na dirección de El Progreso

A presidenta do grupo, Blanca García Montenegro, anunciou o cambio pola xubilación do actual responsable. O novo director aposta polo "equilibrio entre papel e dixital para seguir ofrecendo un servizo completo ao lector"

Blanca García, flanqueada por Lois Caeiro (esquerda) e Alfonso Riveiro, rodeados de membros da redacción de El Progreso. SEBAS SENANDE
photo_camera Blanca García, flanqueada por Lois Caeiro (esquerda) e Alfonso Riveiro, rodeados de membros da redacción de El Progreso. SEBAS SENANDE

A presidenta do Progreso, Blanca García Montenegro, anunciou este venres á redacción do xornal que Alfonso Álvarez Riveiro, até agora responsable da edición dixital de El Progreso é o novo director do diario, en substitución de Luis Rodríguez García, Lois Caeiro, que se xubila tras levar o temón da cabeceira durante 18 anos.

A decisión de nomear a Riveiro como novo director do diario lucense foi adoptada por unanimidade polo Consello de Administración de El Progreso. Entre os seus retos de futuro, figura a integración das redaccións de papel e dixital co obxectivo de adaptar o xornal á nova demanda informativa.

CURRÍCULO. Alfonso Álvarez Riveiro (Baleira-Lugo, 1964) é licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid.

Desenvolveu toda a súa vida profesional en El Progreso, do que foi subdirector entre 2000 e 2006. O sete seguintes anos dirixiu o xornal gratuíto LV. De Luns a Venres, que se distribuía nas sete cidades galegas e tiña a súa redacción en Santiago. En 2013 asumiu a dirección da Axencia Galega de Noticias (AGN) e un ano máis tarde, en 2014, fíxose cargo da plataforma dixital do Grupo El Progreso.

Tertuliano en radio e televisión (agora na Radio Galega e a TVG e antes no Correo TV e Popular TV), é autor do libro de relatos curtos Parábolas e publicou tamén Fole e o xornalismo, no que comenta unha selección de artigos do escritor lucense. Unha reportaxe súa sobre Nova York figura no libro Mozos xornalistas. Crónica aberta, no que se reflicten traballos dalgúns dos máis destacados xornalistas galegos da súa xeración.

Nos últimos anos recolleu varias distincións, a maioría de elas outorgadas ao diario gratuíto que dirixiu, como é o caso do galardón da Insua dos Poetas, o Moncho Pío e o Premio Galeguidade no Mundo, entregado en Madrid pola diáspora galega.

Comentarios