Casado, tras reunirse con Sánchez: "Quérome fiar sobre Cataluña pero serei esixente"

O PSOE espera unha oposición "leal e responsable" do presidente do PP

Pedro Sánchez y Pablo Casado, en Moncloa. FERNANDO ALVARADO
photo_camera Pedro Sánchez y Pablo Casado, en Moncloa. FERNANDO ALVARADO

O líder do PP, Pablo Casado, asegurou que se quere fiar do Goberno de Pedro Sánchez en que non cederá ante os independentistas, pero advertiu que será "tremendamente esixente" e se nalgún momento pensa que está "a contemporizar" cos secesionistas será o primeiro en denuncialo.

Logo de reunirse durante case tres horas con Sánchez na Moncloa, o presidente do PP asegurou que a colaboración con Sánchez mantense en Cataluña, recalcando que lle ofreceu os votos do PP do Senado para volver aplicar o 155 se fose necesario, aínda que espera non ter que chegar "a eses extremos".

Insistiu en que o seu partido non vai estar "nin na cesión nin na contemporización nin no diálogo" con aqueles cuxo obxectivo é romper España facendo referencia á reunión da comisión bilateral entre Goberno e Generalitat que onte se reuniu por primeira vez desde 2011.

Pola súa banda, a presidenta do PSOE, Cristina Narbona, asegurou que "hai que confiar na palabra" de Casado, cando afirma que fará unha oposición "leal e responsable", aínda que subliñou que o seu partido estará "moi atento" por se o líder popular volve caer "na demagoxia partidista".

En rolda de prensa na sede de Ferraz tras a reunión, Narbona confía en que as case tres horas de encontro sirvan para que o novo presidente do PP "comprenda que o seu arranque no liderado foi completamente equivocado".

"Asistimos a unha serie de declaracións demagóxicas e irresponsables en temas de Estado", denunciou Narbona sobre a actitude de Casado.

Narbona asegurou que as afirmacións do líder popular sobre que fará unha oposición leal son significativas dunha "nova etapa" na súa política e sinalou que se deberán corresponder cun proxecto de futuro e de rexeneración "que sen dúbida necesita o PP".

Neste sentido, Narbona fixo fincapé en que, se o PP necesita rexeneración, debe mirar "cara adiante e non cara a detrás", pois, se non é así, verase como os populares "non fixeron unha oposición responsable e leal" en temas de Estado, igual que co terrorismo de Eta.

Comentarios