Científicos alertan sobre a transmisión aérea da covid-19

Os científicos advirten de que o lavado de mans ou o distanciamento social son "insuficientes" fronte á Covid-19
Xente paseando con máscara. ARQUIVO.
photo_camera Xente paseando con máscara. ARQUIVO.

Máis de 200 científicos pediron nunha carta aberta que se recoñeza "o potencial de transmisión aérea" da covid-19 e que se adopten medidas preventivas para mitigar esta vía de transmisión do coronavirus. Ata agora, a Organización Mundial da Saúde (OMS) recoñeceu como principal vía de transmisión do SARS-Cov-2 as gotículas que expulsa unha persoa cando fala, tose ou estornuda e que alcanzan a outra, de aí a necesidade de gardar unha distancia de seguridade de ata dous metros.

Con todo, estudos realizados polos asinantes e outros científicos demostraron "máis aló de toda dúbida razoable" que os virus se liberan durante a exhalación, a fala e a tose en microgotas o suficientemente pequenas como para permanecer no aire e expor un risco de exposición a distancias superiores a un ou dous metros dun individuo infectado".

A petición realízase nun artigo titulado É hora de abordar a transmisión aérea de COVID-19, cuxa principal autora é Lidia Morawska do Laboratorio Internacional de Calidade do Aire e Saúde da Universidade de Tecnoloxía de Queensland (EE.UU). O texto, que conta coa firma de apoio de 239 científicos foi aceptado para a súa publicación na revista Clinical Infectious Diseases.

Este problema -din- é "especialmente grave" nos ambientes interiores ou pechados, en particular "os que están abarrotados e teñen unha ventilación inadecuada" en relación co número de ocupantes e os períodos de exposición prolongados. "Facemos un chamamento á comunidade médica e ás institucións internacionais e nacionais relevantes para que recoñezan o potencial da transmisión aérea da covid-19", indican os asinantes e avogan polo uso de medidas preventivas. A carta destaca o caso dun restaurante chinés no que non se observou, a través das gravacións en vídeo, ningunha proba de contacto directo ou indirecto entre a persoa infectada e os contaxiados.

O lavado de mans e o distanciamento social son apropiados, escriben, pero "insuficientes" para proporcionar protección contra as microgotas respiratorias portadoras de virus liberadas no aire polas persoas infectadas. Así, recomendan medidas como proporcionar unha ventilación suficiente e eficaz -fornecer aire exterior limpo ou reducir ao mínimo a recirculación de aire-, en particular nos edificios públicos, os lugares de traballo, as escolas, os hospitais e as residencias de anciáns, e "evitar o amontoamento, particularmente no transporte público e nos edificios públicos". Accións "fáciles" como abrir á vez portas e fiestras poden aumentar de forma radical a taxa de fluxo de aire en moitos edificios", indica a carta.

Aínda que recoñecen que "aínda non existe unha aceptación universal da transmisión aérea do SARS-CoV2", destacan que "hai probas de apoio máis que suficientes para que se aplique o principio de precaución". A xente "pode pensar que está totalmente protexida se segue as recomendacións actuais, pero, de feito, necesítanse intervencións adicionais na transmisión por vía aérea para reducir aínda máis o risco de infección".

Para os autores da carta este asunto é "de gran importancia agora que" os países están a levantar as medidas de confinamento e a xente regresa aos seus lugares de traballo e os estudantes ás escolas e universidades.

Comentarios