Detida en Miami por deixar morrer ao seu noivo encerrado dentro dunha maleta

Di que faleceu accidentalmente cando xogaban, pero nun vídeo vese ao home pedindo axuda
La mujer detenida y la víctima. EP
photo_camera La mujer detenida y la víctima. EP

Unha muller que lle dixo á Policía que o seu noivo morrera accidentalmente cando estaba escondido nunha maleta mentres xogaban na súa casa do centro de Florida foi detida e acusada de asasinato en segundo grao polas evidencias achadas nos vídeos gravados co seu teléfono.

Nun dos vídeos, segundo diversos medios, escóitase a Jorge Torres, de 42 anos, rogando a Sarah Boone, da mesma idade, que lle axude a saír dunha maleta coa cremalleira pechada e a ela respondendo que vai pagar "por todo" o que lle fixo a ela.

A canle televisiva WSPN de Tampa (Florida) afirma que a versión que Boone dera aos axentes que chegaron á súa casa en Winter Park, preto de Orlando, respondendo a unha chamada de urxencia foi que ambos estaban a tomar uns grolos o pasado luns cando se lles ocorreu que sería divertido xogar ao agocho e que el se metese nunha maleta.

A explicación de Boone foi que nalgún momento ela quedou durmida e cando espertou non atopou ao seu noivo e chamouno por teléfono pero el non respondeu. Buscouno e descubriu que estaba dentro da maleta e non respiraba.

Os equipos de urxencia atopárono así e ademais notaron que Boone tiña un pequeno corte no beizo e algúns rasguños ao redor do ollo. Como parte da investigación, os axentes pedíronlle o teléfono a Boone. Alí atoparon dous vídeos, nun dos cales Torres lle di á súa noiva desde dentro da maleta que non pode respirar e ela respóndelle que iso é o que lle pasou a ela cando el a apertou o pescozo.