Escrivá: "O Ingreso Mínimo Vital resólvese a ritmo crecente e terá efectos retroactivos"

O ministro afirma que uns 80.000 fogares recibirán o IMV en agosto e pide esperar a setembro para valoralo 
Ximo Puig e José Luis Escrivá. EFE
photo_camera Ximo Puig e José Luis Escrivá. EFE

O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luís Escrivá, asegurou este xoves que o ritmo ao que se resolven os expedientes do ingreso mínimo vital (IMV) é "crecente", e que os fogares con dereito a esa prestación recibirana con carácter retroactivo desde xuño.

Tras reunirse co presidente da Generalitat Valenciana, Ximo Puig, o ministro dixo aos medios de comunicación que se recibiron máis de 800.000 solicitudes para percibir o IMV, das que se resolveron 145.000, concedéronse a 80.000 fogares (unhas 200.000 persoas), e pagáronse 50 millóns de euros.

O ministro pediu esperar a mediados ou finais de setembro para ter unha "foto fixa" da situación do IMV, pois nestes momentos están a cruzarse datos e detectáronse 60.000 solicitudes duplicadas e unha porcentaxe "significativa" de persoas que superan os requisitos de renda ou patrimonio e de solicitantes que deben completar a documentación. 

Insistiu en que se está na "primeira etapa", na que se están filtrando as solicitudes e xa que logo as nóminas de xullo son "pouco representativas", e a partir do 15 de setembro poderase avaliar a situación, para saber ata onde se chegou e se quedou xente fóra desta prestación.

Escrivá defendeu que hai que ser "moi rigorosos" á hora de identificar as unidades de convivencia, o que require o intercambio de datos con Concellos, o INE, o SEPE ou a Axencia Tributaria, e resaltou que os expedientes presentados equivalen ás pensións que se tramitan nun ano. Ademais, asegurou que as rendas autonómicas tardaron de media "moitos meses, e anos", en empezar a recoñecer as prestacións, e insistiu en que por exemplo esta semana se están resolvendo o dobre de expedientes do IMV que hai unhas semanas.

Escrivá recoñeceu que "é evidente que hai que reforzar persoais", e manifestou que o Goberno ten por diante un "reto" de convocar oposicións porque "como se viu cos ERTEs, a Seguridade Social é absolutamente decisiva para o incremento do estado do benestar".

Comentarios