Facenda revela unha fraude de 885.000 euros de Jordi Pujol

O delito xa prescribiu, pois foi cometido no ano 2000
Jordi Pujol. MARISCAL (EFE)
photo_camera Jordi Pujol. MARISCAL (EFE)

A Axencia Tributaria remitiu á Audiencia Nacional un informe no que afirma que o expresidente da Generalitat Jordi Pujol defraudou a Facenda 885.651,45 euros no ano 2000, un exercicio fiscal xa prescrito.

Así consta nun dos informes enviados por Facenda ao Xulgado central de instrución número 5 da Audiencia Nacional, que investiga a orixe da fortuna dos Pujol.

Dito documento, elaborado pola Oficina Nacional de Investigación da Fraude (ONIF) a partir de informes da UDEF e de información achegada polas autoridades mexicanas, sinala que o mandatario catalán era o verdadeiro propietario dunha conta na Banca Reig andorrana que estaba a nome do seu fillo Jordi Pujol Ferrusola.

Na conta, aberta en 2000 e pechada en 2010, fíxose un único movemento de ingreso en metálico de 307 millóns de pesetas, é dicir, 1.850.000 euros.

Nesa mesma entidade bancaria obraba un documento asinado por Jordi Pujol fillo no que manifestaba que o propietario era o seu pai e que en caso de falecemento deste, pasaría a ser de Marta Ferrusola, esposa do expresidente catalán.

Facenda recoñece que se trata dun exercicio fiscal prescrito, pero achega unha proposta de regularización que cifra en 885.651,45 euros a cantidade que debeu abonar Jordi Pujol Ferrusola ás arcas públicas. 

Comentarios