Simón: "A mellor máscara son os dous metros de distancia"

Defende que é unha boa medida de prevención "sempre que se use ben" pero cre que impor o seu uso obrigatorio "pode xerar problemas importantes" para algunhas persoas
Fernando Simón, este mércores en rolda de prensa. EFE
photo_camera Fernando Simón, este mércores en rolda de prensa. EFE

O director do Centro de Coordinación de Alertas e Urxencias Sanitarias, Fernando Simón, evitou pronunciarse sobre se está a favor ou non do uso obrigatorio de máscaras pero opinou que é unha medida que debe pensarse con moito coidado porque pode xerar "problemas importantes" en moitas persoas. 

"Non vou pronunciarme a favor da obrigatoriedade ou non en lugares públicos porque é difícil, entendo que se poña sobre a mesa; no caso de que se vaia a facer hai que pensala con moito coidado porque pode xerar problemas importantes", afirmou Simón na súa rolda de prensa diaria. 

"Agora quizais temos que sobreactuar un pouco para previr riscos, e iso é algo aceptable sempre. No entanto, o uso das máscaras non o pode facer todo o mundo da mesma forma, polo que hai que pensar a súa obrigatoriedade con moito coidado porque pode xerar problemas importantes", apostilou. 

O epidemiólogo insistiu en que a máscara é unha boa medida de prevención "sempre que se use ben", que se ten que priorizar naqueles lugares ou para determinados colectivos e persoas de maior risco. 

Así mesmo, indicou que o seu uso non o pode facer todo o mundo da mesma maneira xa que hai colectivos para os que non é fácil levala por un tempo prolongado, como aqueles que teñen enfermidades respiratorias ou problemas de ansiedade; ademais, nos nenos pequenos "tamén é complicado". 

Pola súa banda, levala no transporte público -algo que é obrigatorio- durante uns minutos non é un problema grave para practicamente ninguén, dixo Simón. 

Ademais, é altamente recomendable para saír á rúa como medida de prevención de riscos pero tamén dixo que hai incidir quizais máis noutros aspectos e, neste sentido, recordou que "a mellor máscara son os dous metros de distancia". 

Comentarios