O Goberno aproba este martes en Consello de Ministros un real decreto coas normas que se deberán seguir unha vez termine o estado de alarma para evitar rebrotes polo coronavirus. Esta nova orde obrigará a usar máscaras ás persoas de seis anos en diante sempre que non se poida garantir o mantemento de distancia de seguridade.
A medida foi confirmada este domingo polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, durante a súa comparecencia na rolda de prensa posterior á reunión cos presidentes autonómicos. "Unha vez superada a fase aguda requírense outras medidas, que se están traballando xa no seo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde e que rexerán mentres se manteña a urxencia sanitaria", indicou.
O documento que o Executivo aproba este martes recolle tamén medidas organizativas de prevención e hixiene para establecementos de traballo, centros docentes, centros sanitarios, comercios, medios de transporte público ou instalacións deportivas, entre outros, "para evitar a coincidencia masivas de persoas".
A nova orde inclúe, ademais, medidas sobre medicamentos e produtos sanitarios, que, segundo asegurou Sánchez, garantirán o abastecemento de medicamentos esenciais. Ademais, está previsto que a Axencia Española de Medicamentos poida outorgar "licenzas excepcionais" para a fabricación de máscaras e outros equipos de protección.
O presidente do Goberno destacou a maiores que as autoridades de saúde pública competentes estarán obrigadas a facilitar "todos os datos necesarios" para o seguimento do Covid-19 e "coñecer de xeito inmediato os casos e os rebrotes". "A todo caso sospeitoso realizaráselle unha proba diagnóstica por PCR ou outra técnica tan pronto que como sexa posible", subliñou, para apuntar que as comunidades autónomas "deberán garantir a capacidade de responder ante posibles rebrotes a través da elaboración de plans de continxencia ante o virus".