O Goberno avisa de que pode volver decretar o estado de alarma se é necesario

A vicepresidenta do Goberno, Carmen Calvo. EFE
photo_camera A vicepresidenta do Goberno, Carmen Calvo. EFE

A vicepresidenta primeira do Goberno, Carmen Calvo, pediu este martes prudencia para evitar novos brotes de coronavirus e advertiu de que, se fose necesario, o Executivo volverá ser "contundente" e podería decretar de novo o estado de alarma para impedir a mobilidade dos cidadáns. 

"Se chegase o momento de que teñamos unha situación grave, o Goberno pode decretar perfectamente a alarma nunha parte do territorio, senón en todo", avisou Calvo en Antena 3. 

Actualmente, hai 11 brotes activos e en principio, segundo a vicepresidenta, non é necesaria ningunha medida máis aló que a sanitaria e, nalgún caso, regresar a unha fase de restricións. Así as cousas, asegurou que se está dentro do previsible e insistiu na necesidade de reaccionar rapidamente ante os síntomas e comunicalos inmediatamente para que se poida ser eficaz na resposta. 

"Teño que dicir que vai haber brotes. O importante é que os teñamos controlados o máis rápido posible e que todos os que teñan síntomas reaccionen moi rápido indo aos centros sanitarios. O importante é a rapidez", apuntou Calvo. 

A vicepresidenta defendeu a reapertura de Barajas, unha decisión que, segundo recalcou, se adoptou dentro do contexto da UE, e destacou que o aeroporto madrileño ten nestes momentos as mesmas medidas que o resto dos europeos. 

Comentarios