sábado. 16.10.2021 |
El tiempo
sábado. 16.10.2021
El tiempo

O xuíz deixa a Falciani en liberdade con medidas cautelares

Hervé Falciani. AEP
Hervé Falciani. AEP

O Goberno nega que o arresto do informático responda a un intercambio de cromos por Marta Rovira

O xuíz da Audiencia Nacional Diego de Egea deixou en liberdade con medidas cautelares ao exempreado de HSBC Hervé Falciani, entre elas a entrega do pasaporte, prohibición de saír de España sen autorización xudicial e comparecencias semanais no xulgado.

De Egea adoptou esta decisión despois de que a Fiscalía pedise o seu ingreso en prisión mentres se decide se procede extraditalo a Suíza para cumprir 5 anos de cárcere por tentar en 2008 facer públicos datos bancarios, mentres que a súa defensa alegou que espera que esta petición de entrega non responda a un "intercambio de cromos" con fuxidos do procés en Suíza.

O GOBERNO NEGA OS VÍNCULOS. Precisamente, o ministro de Xustiza, Rafael Catalá, negou que a detención producida o mércores do enxeñeiro informático, a petición das autoridades suízas, sexa unha "decisión política" ou unha "xestión do Goberno" para realizar un intercambio polas políticas catalás independentistas Marta Rovira e Anna Gabriel, fuxidas no país helvético e procesadas polo Tribunal Supremo polo denominado procés. 

Así o afirmou ante os medios de comunicación antes de inaugurar as xornadas da diario Expansión. O titular de Xustiza explicou que a detención de Falciani débese a unha orde de extradición emitida por Suíza, de acordo "á cooperación internacional e seguridade en Europa" e baseándose no "principio da reciprocidade, da confianza e a boa fe". 

"Calquera Estado que solicita a detención e a entrega dunha persoa cunha causa pendente nun país e que se atopa residindo noutro distinto ten unha canle formal, sempre de colaboración e reciprocidade e iso é o que sucedeu neste caso", dixo.

O informático do banco HSBC foi detido este mércores pasadas as seis da tarde por axentes da Comisaría Xeral de Policía Xudicial cando se atopaba na Universidade Pontificia de Comillas de Madrid para participar nunha xornada organizada pola Plataforma pola Xustiza Fiscal. 

Suíza reclámao para que cumpra a sentenza ditada polo Tribunal Penal Federal suízo en novembro de 2015, e que se fixo firme en maio de 2016, que o condenou a cinco anos de prisión polo delito de espionaxe industrial por filtrar datos relacionados coa fraude fiscal e o branqueo de máis de 100.000 clientes da entidade financeira helvética. 

Aínda así, o ministro foi preguntado pola coincidencia no tempo da petición de entrega de Falciani coa fuxida a Suíza da dirixente de ERC Marta Rovira, procesada polo delito de rebelión e sobre a que pesa unha orde europea de detención; ou a anterior fuga ao mesmo país da exportavoz da CUP Anna Gabriel, procesada por desobediencia. "Non hai unha decisión política, ningunha xestión do Goberno nestas cuestións", contestou Catalá. 

"Se se produciu neste momento, pois neste momento as autoridades españolas, nese deber de cooperación e lealdade, levaron a cabo a detención", engadiu. Ao mesmo tempo, subliñou que será un tribunal quen decida se Falciani debe ser entregado ou non "con todas as garantías xudiciais".

Colau: "Un escándalo democrático"
A alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, cualificou de escándalo "democrático o arresto e ameaza de extradición" de Hervé Falciani, o informático e antigo empregado na banca suíza condenado a 5 anos no país helvético por difundir datos de clientes.

"O arresto e ameaza de extradición de Falciani é un escándalo democrática: home clave na loita contra a corrupción, colaborador das Autoridades españolas para perseguir fraude fiscal", escribiu Colau na súa conta de Twitter.

O xuíz deixa a Falciani en liberdade con medidas cautelares
Comentarios