O Goberno permitirá reunións de ata 10 persoas na fase un da desescalada

O groso das provincias poderían iniciar esa etapa o 11 de maio ► Rectifica e amplía ao 50% o aforo permitido nas terrazas nesa fase ► Permitirá que daquela os coches particulares circulen cheos, sempre que as personas vivan xuntas
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera Varias persoas nunha rúa galega. VICTORIA RODRÍGUEZ

O Goberno permitirá reunións dun máximo de 10 persoas, sen importar se son do mesmo núcleo familiar ou non, durante a fase 1 da desescalada, á que accederán este luns 4 de maio as illas canarias de El Hierro, La Graciosa e La Gomera así como Formentera, en Baleares. 

Prevese que, con carácter xeral, o resto de provincias --incluídas as galegas-- entren nese nivel o 11 de maio, unha semana despois que estas catro illas nas que a afección da pandemia é agora mesmo reducida.

O Goberno fixará a través dunha orde ministerial que se publica este domingo o número máximo de persoas que se poderán reunir en todos aqueles territorios que accedan á fase 1, segundo informan fontes do Executivo. Esas dez persoas terán que gardar as distancias persoais e as normas de hixiene contra o coronavirus, como son o lavado de mans.

Ese límite de dez individuos aplicarase tanto para encontros en domicilios como en terrazas, nas que poderá haber máis clientes dos previstos inicialmente.

TERRAZAS. E é que o Goberno decidiu ampliar ao 50% o aforamento permitido nas terrazas de establecementos hostaleiros a partir da fase 1 da desescalada, aínda que nun principio anunciara que sería só un 30%.

Segundo fontes do Goberno, decidiuse ampliar a porcentaxe prevista porque se considera compatible coas debidas garantías de seguridade en materia de saúde pública. Así as cousas, poderán abrir ao 50% da súa capacidade tanto as terrazas que estean na vía pública como as que se atopen dentro do espazo do establecemento hostaleiro, sempre que sexa ao aire libre.

Se os ocupantes dun coche non habitan na mesma casa, poderá haber un máximo de dúas persoas por fila de asentos

COCHES CHEOS. Outra novidade desvelada este sábado para esa fase 1 é que o Goberno permitirá que circulen con todas as súas prazas ocupadas os vehículos privados de ata nove asentos, sempre que os ocupantes vivan na mesma casa.

Atendendo ao apuntado por fontes do Executivo, en caso de persoas que non vivan xuntas só se poderán ocupar dúas prazas por cada fila de asentos, mantendo as distancias, e cada pasaxeiro deberá utilizar máscaras ou outro dispositivo de protección. Se están empadroados no mesmo lugar, o uso de máscara é recomendable.

No ámbito do transporte público discrecional, como minibuses ou furgonetas, terán que manterse libres os asentos posteriores ao condutor.

En canto á circulación entre os distintos territorios, as mesmas fontes reiteraron que os cidadáns só poderán moverse pola provincia onde residan durante todas as fases da desescalada.