Gómez-Reino celebra que Galicia "estará no próximo Goberno" e avanza a derrota de Feijóo "no outono"

Antón Gómez-Reino. JUAN CARLOS HIDALGO
photo_camera Antón Gómez-Reino. JUAN CARLOS HIDALGO

O portavoz de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, celebrou que Galicia "estará presente no próximo Goberno" a través das medidas pactadas co PSOE, e avisou ao líder do PP, Pablo Casado, de que a "traizón a España" é a que cometeu o PP cos seus "anos de caixa B" e os seus "millóns estafados". 

"O Goberno de coalición que imos iniciar no Estado é o goberno que a partir deste outono vai gobernar tamén en Galicia", asegurou desde o estrado o deputado durante a súa intervención no debate de investidura como portavoz de Galicia en Común, que forma parte do Grupo Confederal de Unidas Podemos. 

O tamén líder galego de Podemos manifestou que "Galicia está presente no programa de Goberno" a través "da subida das pensións e o SMI, a derrogación da reforma laboral e da Lomce, ou a lei Mordaza, de acabar co copago farmacéutico e non permitir que pechen unidades de asistencia ao parto como as Verín". 

Tamén destacou o compromiso que recolle o acordo de goberno asinado por PSOE e Podemos para a recuperación do Pazo de Meirás, en Sada, e que na actualidade é propiedade dos herdeiros do ditador Francisco Franco. 

Ademais, puxo o foco noutras cuestións dese pacto de goberno, como un programa de retorno de emigrantes, a aposta pola activación da lei de titularidade compartida, o saneamento das rías ou "o plan do desenvolvemento industrial e do estatuto electrointensivo, para Alcoa ou Ferroatlántica, entre outras". 

Comentarios