Kurz arrasa en Austria e a ultradereita esborrállase

O conservador repetirá como chanceler, con marxe para buscar socio entre ultras e verdes
Sebastian Kurz. FLORIAN WIESER
photo_camera Sebastian Kurz. FLORIAN WIESER

Sebastian Kurz repetirá como chanceler de Austria tras gañar este domingo as eleccións anticipadas cunha marxe que lle permite esfollar a margarida de varias coalicións: repetir o polémico pacto cos ultras, virar radicalmente cara aos Verdes ou recorrer á desgastada gran coalición coa socialdemocracia.

Co 37,2 % dos votos e 71 escanos, Kurz sacou 5,6 puntos e 9 deputados máis que hai dous anos, cando forzou outras eleccións anticipadas tras facerse co control do Partido Popular (ÖVP) e romper o pacto de Goberno cos socialdemócratas.

O seu Goberno, esta vez cos ultranacionalistas do FPÖ, foi breve: 17 meses infestados de escándalos dos seus socios, que acabaron en maio cun caso de corrupción, a ruptura da coalición e unha moción de censura que tombou o seu Executivo.

"En maio fomos destituídos e o pobo volveunos elixir agora", proclamou o líder conservador, de 33 anos, no seu primeiro comentario dos resultados.

Kurz asegurou non ter palabras e sentirse impresionado. A pesar de que todas as enquisas lle daban a vitoria, o resultado, recoñeceu, foi mellor do que esperaba.

A alegría de Kurz é inversamente proporcional á dos ultranacionalistas. Co 16% dos votos, o FPÖ perdeu 21 dos 51 deputados que tiña, unha caída máis aguda do prognosticado.

Comentarios