domingo. 24.10.2021 |
El tiempo
domingo. 24.10.2021
El tiempo

As liñas pendentes de axudas a autónomos e hostalaría activaranse este venres

Un hombre monta una terraza en Compostela. LAVANDEIRA JR. (EFE)
Un camareiro monta unha terraza nunha rúa de Santiago de Compostela. LAVANDEIRA JR (EFE)
"Recibimos 17.009 solicitudes que xa teñen comprometidos 21 millóns de euros", afirmou Núñez Feijóo respecto á primeira quenda

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que as dúas liñas de axuda que faltaban por activar do Plan de rescate para traballadores autónomos e microempresas, dotado de 84 millóns de euros, convocaranse este venres coa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) das súas bases. 

Fíxoo tras lembrar que o prazo para solicitar a primeira das liñas de axudas, a dirixida a persoas autónomas con ou sen empregados, de entre 1.200 e 2.000 euros, xa se abriu a semana pasada. "Recibimos 17.009 solicitudes que xa teñen comprometidos 21 millóns de euros", concretou. 

Con respecto ás dúas liñas de axudas que se activarán este venres, precisou que, no caso da dirixida a microempresas e persoas autónomas con persoal contratado, os beneficiarios de calquera sector poderán optar a apoios de 4.000 euros, mentres que os beneficiarios de sectores especialmente paralizados recibirán 5.000 euros. 

Terán que acreditar, dixo, ter ou ter autorizado un Erte con anterioridade, unha baixada de facturación de polo menos o 45% con respecto ao ano anterior e comprometerse a manter o emprego durante 6 meses desde a publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

HOSTALARÍA. Por outra banda, a liña de axudas destinada especificamente ao sector da hostalaría, que estará dotada de 17 millóns, concederá a cada un dos establecementos que cumpran cos requisitos 1.500 euros por cada mes de peche e 2.000 euros ao mes no caso de que se trate de empresas con dez ou máis traballadores. 

Sobre este último punto, o presidente da Xunta lembrou que estas axudas son acumulables entre si, á vez que engadiu que, no caso dos autónomos con establecementos hostaleiros, as contías poderán oscilar entre os 6.700 e os 9.200 euros. "Isto sitúa a Galicia á cabeza de indemnizacións ao sector da hostalaría de toda España", salientou.

DECLARACIÓN RESPONSABLE. Feijóo subliñou que neste plan, que se deseñou en colaboración cos colectivos profesionais e sectoriais, a Xunta avogou por un mecanismo de tramitación simplificado para as axudas, electrónico e por medio dunha declaración responsable coa previsión de que a maioría das contías cheguen aos destinatarios no mes de decembro. 

Finalmente, concluíu a súa intervención lembrando que co plan de rescate a Xunta pretende contribuír ao mantemento do emprego e da actividade económica de 30.000 autónomos e 10.000 microempresas, así como apoiar a actividade dos establecementos de hostalaría. 

As liñas pendentes de axudas a autónomos e hostalaría activaranse...
Comentarios