Máis de 160 mortos na mina de xade máis grande do mundo

Trabajos de los equipos de rescate en la mina birmana. ZAW MOE HTET (Efe)
photo_camera Trabajos de los equipos de rescate en la mina birmana. ZAW MOE HTET (Efe)

Polo menos 162 persoas morreron este xoves nun accidente na mina de xade máis grande do mundo no norte de Birmania, o que puxo de relevo as penosas condicións de traballo dos mineiros nunha industria que move inxentes cantidades de diñeiro e cunha corrupción rampante.

A traxedia tivo lugar sobre as oito da mañá cando, no medio dunha choiva torrencial, unha avalancha sepultou un grupo de mineiros, segundo informou o Departamento de Bombeiros birmano en Facebook. 

Ao longo do día e baixo unha choiva incesante, os servizos de bombeiros, coa axuda doutros mineiros, estiveron rescatando os corpos sepultados pola avalancha entre o barro da ladeira da mina. Phoe Htoo, xefe dun grupo de voluntarios traballando sobre o terreo, dixo a Efe que "hai un pedazo de terra cerca do lugar do suceso que podería colapsar en calquera momento, polo que canto máis traballan equipos de rescate, máis aumentan os riscos". "Ademais, algúns cadáveres están a flotar na auga polo que non podemos recoller eses corpos, xa que as condicións do terreo e da auga son demasiado perigosas", engadiu. 

O número de falecidos é dos máis altos que se recordan, pero este tipo de sucesos son frecuentes en Hpakant, onde os mineiros traballan en condicións extremadamente precarias, e neste caso a avalancha tivo lugar en cinco parcelas abandonadas onde buscadores informais tratan de atopar a gran pedra de xade que os faga ricos. 

En abril do ano pasado, polo menos 54 persoas morreron por mor dun corremento de terras noutro punto do complexo mineiro de Hpakant, localizada a uns 800 quilómetros ao norte da capital, Naipyidó. 

As minas de xade, ás que a prensa estranxeira ten o acceso vedado, convertéronse nun imán para miles de birmanos empobrecidos procedentes de todo o país, pero na maioría dos casos os beneficios son escasos e os riscos son elevados. 

A iso súmase o frecuente uso de drogas, como metanfetaminas, que se producen a escala industrial no norte do país, para soportar as duras condicións de traballo e coas que ás veces os mineiros son pagados polos seus empleadores en lugar de con diñeiro, o que foi denunciado por organizacións locais de defensa dos dereitos humanos durante anos. 

Comentarios