Máis dun centenar de mortos por consumo de alcol adulterado en República Dominicana

Detectouse unha gran cantidade de metanol en clerén, un destilado de caña de baixa calidade de fabricación caseira e clandestina
Proc/JFIF/EFE-Calidad:Excelente
photo_camera Hospital Moscoso Puello en Santo Domingo, onde estas últimas semanas varias persoas foron ingresadas tras consumir clerén. ORLANDO BARRÍA (EFE)

Polo menos 109 persoas morreron nas últimas tres semanas na República Dominicana tras consumir alcol adulterado, segundo informaron este venres fontes oficiais. O ministro da Saúde Pública, Rafael Sánchez Cárdenas, dixo que se rexistraron 130 casos de intoxicación e 109 falecementos polo consumo de clerén, un destilado de cana de baixa calidade, que foi adulterado con metanol.

"O exame de laboratorio indica máis dun 50% de metanol (na composición da bebida). Non sei como chegaron vivos" ao hospital, dixo Sánchez Cárdenas na súa rolda de prensa diaria sobre a situación da pandemia do coronavirus.

Este novo balance reflicte 67 novas vítimas mortais con respecto aos últimos datos oficiais, divulgados o 16 de abril, que deran conta da morte de 42 persoas pola inxesta de clerén, un destilado de fabricación caseira e clandestina cuxo consumo está moi estendido entre as clases baixas en República Dominicana e Haití.

Non é a primeira vez que o clerén adulterado se cobra vítimas mortais no país

O ministro informou tamén de que a Policía Nacional, en colaboración coa Fiscalía e a Dirección Xeral de Medicina, levou a cabo novos operativos este xoves para desmantelar máis laboratorios de clerén. Do mesmo xeito, anunciou que o Goberno vai intervir tamén os colmados que venden esta bebida, no que cualificou como "expendio criminal".

As primeiras mortes por clerén adulterado rexistráronse o pasado 7 de abril, data na que morreron seis persoas no sector Brisas do Leste, no municipio de Santo Domingo Este.

A maioría das vítimas son persoas pobres, que beben clerén por non poder custearse bebidas legais e de maior calidade, como o ron, o destilado máis popular no país caribeño.

O clerén ás veces pode resultar contaminado por metanol durante o seu proceso de elaboración, cando o fabricante destila madeiras para usalas como materia prima ou como aromatizante, ou ao engadirlle disolventes para pintura, co propósito de abaratar o produto. De feito, non é a primeira vez na que o clerén adulterado se cobra vítimas mortais no país.

Comentarios