"Unha máscara pode tardar entre 300 e 400 anos en degradarse"

O Goberno pon en marcha unha campaña para evitar o seu abandono en contornas naturais
Máscara tirada nunha praia. EFE
photo_camera Máscara tirada nunha praia. EFE

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e o Ministerio de Consumo puxeron en marcha este xoves 'Recordos inesquecibles. A máscara é para ti, non para a natureza', campaña institucional para promover o uso de máscaras protectoras e sensibilizar os cidadáns sobre os efectos do seu abandono en contornas naturais. 

"Unha máscara hixiénica común abandonada na natureza pode tardar en degradarse entre 300 e 400 anos, varios centos de anos nos que nos afecta a nós, á auga, ao chan, flora e fauna", advertiu Teresa Ribeira, a vicepresidenta cuarta e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. 

Segundo afirma, España non é allea á contaminación que provoca o abandono de residuos plásticos e metálicos, papeis e cartóns ou cabichas en espazos naturais, polo que, para atallala, insta a actuar na orixe, apelando á responsabilidade individual e modificando os hábitos de consumo. 

"Nun momento no que todos debemos actuar con responsabilidade, protexéndonos e protexendo os nosos concidadáns co uso de máscaras, é importante ampliar esa protección ás contornas naturais, que nos provén servizos básicos como o aire limpo, auga e alimento, evitando abandonar máscaras ou calquera outro residuo", engadiu. 

Pola súa banda, o ministro de Consumo, Alberto Garzón, fixo un chamamento " responsabilidade individual dos cidadáns, clave nas tres fases da máscara: compra, uso e desfeito". 

Na primeira delas apelou ao "consumo responsable" e recordou que, fronte ás máscaras hixiénicas e cirúrxicas dun só uso, o Goberno recomenda adquirir cando sexa posible as reutilizables (de especificación UNE 0065), que permiten reducir a cantidade de residuos xerados. Garzón insistiu tamén en que ese consumo "responsable" debe ir ligado a un correcto uso para evitar a propagación do Covid-19. 

"Todos e todas temos que ser conscientes da importancia da máscara e promovela na nosa contorna porque a saúde de toda a poboación está en xogo". 

"A sociedade foi tomando conciencia nas últimas décadas da importancia tanto da reciclaxe como de non abandonar envases en contornas naturais e urbanas fóra dos seus colectores. Novos residuos como os millóns de máscaras, luvas ou envases de xel xerados debido á pandemia non poden ser unha excepción; o consumo responsable vai desde a compra ata o desfeito dos produtos ou envases".

Con carácter xeral, os residuos asociados á protección fronte ao COVID-19 e, especialmente, as máscaras, luvas e outros equipos de protección persoal, deberán depositarse na fracción resto domiciliaria (o colector de residuos non separables) e en ningún caso poderán ser abandonados na vía pública ou nunha contorna natural. 

Comentarios