Podemos critica a "falta de liderado" de Celaá no inicio de curso

Iglesias admite un desencontro no Goberno
Reunión do Consello de Ministros en Moncloa, este martes. EFE
photo_camera Reunión do Consello de Ministros en Moncloa, este martes. EFE

Unidas Podemos admitiu un novo desencontro co PSOE no seo do Goberno, esta vez a conta do inicio do curso escolar no medio da pandemia do coronavirus. Desde a formación de Pablo Iglesias critican a "falta de liderado" da ministra de Educación, Isabel Celaá, á hora de negociar coas comunidades. 

O vicepresidente de Asuntos Sociais e líder de Podemos, Pablo Iglesias, e a ministra Celaá coincidiron este martes na primeira reunión do Consello de Ministros tras o paréntese estival, onde entre outras cousas falouse da volta ás aulas.

Este novo desencontro prodúcese a dous días de que Celaá e o ministro de Sanidade, Salvador Illa, manteñan unha reunión telemática coas comunidades autónomas para preparar propostas con vistas ao comezo escolar.

"IMPRESCINDIBLE" BAIXAR O COCIENTE DE ALUMNOS POR AULA. Desde Unidas Podemos defenden que os 2.000 millóns de euros do fondo Covid prometidos ás comunidades para Educación se adiquen á contratación de novo profesorado e a alugar ou acondicionar espazos que permitan desdobrar as clases e, deste xeito, se reduzan os cocientes de alumnos. 

Ao seu xuízo, esta é a única vía para garantir que os alumnos poidan volver aos colexios e institutos dun xeito seguro para eles, para os docentes e as familias, xa que minimizaría o risco de contaxio. 

Esta posición defendeuse "no seo do Goberno", pois consideran que o Ministerio mostrou "falta de liderado" á hora de preparar a volta ao cole, pero en todo caso os dirixentes de Unidas Podemos confían en poder alcanzar un acordo sobre este asunto capital antes do comezo do curso escolar.

Comentarios