O PP recorta levemente a súa distancia con PSOE mentres Vox adianta a Podemos

Son as principais conclusións do último barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas 
Sánchez e Casado. EFE
photo_camera Sánchez e Casado. EFE
O PP, cun 18,9 por cento en estimación de voto, recortou case un punto e medio a súa distancia co PSOE, que queda no 30,8 por cento, mentres Vox volve ser a terceira forza política e adianta a Unidas Podemos, segundo o último barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS).

O barómetro, elaborado entre o 1 e o 7 de outubro pasados, nun momento no que se endurecían as medidas restritivas polo aumento dos contagios de coronavirus, reflexa que o PSOE perdería sete décimas respecto da enquisa de setembro, as mesmas que sobe o PP nun mes.

O outro partido que xunto ao PSOE forma o Goberno de coalición, Unidas Podemos, perde algo de fol e queda no 11,7 por cento dos votos e é superado por Vox, que sobe case un punto e alcanzaría o 12,5 por cento dos sufraxios.

Cs rompe a tendencia ascendente dos últimos barómetros, subida que se atribuía á súa posición política durante a pandemia, e perde en só un mes case dous puntos e obtén, segundo o CIS, un 8,8 por cento.

A sexta forza política continúa sendo ERC, que sobe medio punto e sacaría un 3,3 por cento nun contexto preelectoral en Cataluña.

Deste xeito, o partido republicano aumentaría a súa vantaxe sobre JxCat, que quedaría no 1,8 por cento en estimación de voto.

O PNV subiría unha décima e obtería un 1,3 por cento, en tanto que Bildu repuntaría ata o 1,1 por cento dos sufraxios.

Máis País-Compromís tamén repuntaría unhas décimas e quedaría no 1,8 por cento.

Segundo o CIS, a CUP tería un 0,5 por cento, o mesmo porcentaxe que o BNG, mentres que Navarra Suma (NA+) sacaría o 0,4 por cento en estimación.

O Partido Rexionalista de Cantabria (PRC) quedaría no 0,2 por cento, do mesmo xeito que CCa-NC, e Teruel Existe, o 0,1; en tanto que o PACMA, único partido extraparlamentario que inclúe a enquisa, sacaría, segundo o barómetro, un 1,4 por cento dos votos. 

Comentarios