O PSOE gaña as eleccións europeas ao obter 20 escanos, oito máis que o PP

Cs convértese en terceira forza, seguido de Unidas Podemos-EU, e de Vox, que entra no Parlamento Europeo ►González Casares, Millán Mon e Miranda, representantes galegos en Europa

A ministra portavoz en funcións, Isabel Celaá, e o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, ofrecen os resultados das eleccións europeas. VÍCTOR LERENA (EFE)
photo_camera A ministra portavoz en funcións, Isabel Celaá, e o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, ofrecen os resultados das eleccións europeas. VÍCTOR LERENA (EFE)

O PSOE gañou as eleccións europeas, ao obter 20 dos 54 escanos en liza, seguido do PP, que obtén 12, segundo os resultados co 94,50% dos votos escrutados.

Cs convértese en terceira forza, con sete escanos na Eurocámara, seguido de Unidas Podemos-EU, que logra seis representantes, e de Vox, que entra no Parlamento Europeo con tres eurodeputados. 

A ministra portavoz do Goberno en funcións, Isabel Celaá, e titular do Interior, Fernando Grande-Marlaska, ofreceron en rolda de prensa os datos oficiais pasadas as 23.00 horas, unha vez que pecharon os colexios en Italia, último país europeo que vota nestes comicios.

Os resultados dan unha clara vitoria ao PSOE, que obtén o 32,83% dos votos, 12 puntos máis que o PP, que queda co 20,12%.

Cs séguelle co 12,23% dos votos, por encima de Podemos, que logra o 10,08% das papeletas.

Pola súa banda, Vox accede á Eurocámara co 6,22% cento dos votos que lle supoñen tres representantes.

A lista de 54 eurodiputados complétase cos 3 que obtén Agora Repúblicas (5,71%), os 2 de Junts (4,63%) e un deputado que logra a coalición CEUS, grazas ao 2,64% dos votos. 

Os socialistas conseguiron pasar de 14 a 20 escanos no Parlamento Europeo, mentres o PP perdeu 4, ao pasar dos 16 que obtivo nas anteriores eleccións aos 12 actuais.

Pola súa banda, Cs mellora a súa representación ao subir de 2 a 7 escanos e cuadruplicar a súa porcentaxe de votos, en tanto que Podemos suma un escano aos cinco que xa tiña no Parlamento. 

Entre os resultados electorais destaca que a candidatura na que está integrada ERC, Agora Repúblicas, obtén 3 representantes, entre eles o líder do partido, Oriol Junqueras, en prisión provisional pola causa do procés independentista.

Tamén entra na Eurocámara o expresidente da Generalitat, Carles Puigdemont, actualmente fuxido da xustiza en Bélxica, e que encabeza a lista de Junts, que logrou 2 escanos. 

GALICIA. Os socialistas tamén foron os máis apoiados desde Galicia. O PSdeG obtivo, con este escrutinio, o 35,1% dos votos, mentres que o PP foi a segunda forza co 29,87% dos sufraxios.

En terceiro lugar, co 11,8% dos votos quedou o BNG que concorría baixo a fórmula BNG-Agora Repúblicas.

Co resultado do conxunto de España, xa que é circunscrición única, os candidatos galegos que ían nas listas de PSOE -Nicolás González Casares- e PP -Francisco Millán Mon- conseguiron unha acta.

A representante de En Marea Lidia Senra non revalidou a súa acta, mentres que, a pesar de ocupar a quinta praza, a nacionalista Ana Miranda, candidata do BNG ao Parlamento Europeo, expresou a súa alegría ao contar que a aritmética benefíciaa dado que, con máis de 165.000 votos, consegue o dobre que en 2014, o que "implica que Galicia terá escano propio".

A eurodeputada, pola rotación, ostentarao durante máis tempo que na pasada lexislatura, debullou, ao alternarse na Coalición de Agora Repúblicas coas formacións de ERC e Bildu.

Tamén dixo Miranda, na nave onde o Bloque seguiu o escrutinio, que a formación volve con voz "a Europa" e seguirá defendendo ás "vítimas do Alvia, a ecoloxía, o feminismo e os dereitos humanos".

Así mesmo, insistiu en que o resultado é mellor que o que esperaban, porque o dobraron e aumentarán o tempo de presenza, algo que "é moi emocionante", concluíu.

Comentarios