O Reino Unido impón corentena aos viaxeiros que procedan de España

Deberán illarse catorce días en territorio británico, do mesmo xeito que os procedentes de Francia ou Alemaña
Unha muller disponse a viaxar en Londres. ANDY RAIN (Efe)
photo_camera Unha muller disponse a viaxar en Londres. ANDY RAIN (Efe)

O Goberno do Reino Unido excluíu a España da lista de países seguros exentos de corentena, o que significa que os viaxeiros que cheguen de alí deberán illarse catorce días en territorio británico, confirmou este sábado o ministerio de Transporte.

Un portavoz do ministerio precisou que a medida entrará en vigor na medianoite deste sábado e aplicarase a todo o territorio español, incluídas as illas Baleares e Canarias.

A exclusión da listaxe, no que se inclúen países como Francia, Alemaña, Estonia ou Eslovenia –pero non Portugal ou Estados Unidos–, significa que os viaxeiros que cheguen de España terán que encerrarse durante catorce días nun domicilio no Reino Unido, so pena de multa de ata mil libras (1.072 euros).

A decisión do Executivo británico prodúcese despois de que varias comunidades autónomas españolas notifiquen hoxe novos brotes de Covid-19 e un aumento de contaxios, mentres que os datos do sistema de rastrexo evidencian a escasa capacidade para identificar e vixiar os contactos de cada caso recentemente diagnosticado.

Cataluña, unha das rexións máis afectadas polos rebrotes, notificou nas últimas 24 horas 1.493 novos contagios da Covid-19, con strong <>89.727 casos acumulados desde o inicio da pandemia, así como tres novas vítimas mortais.

Para facer fronte a esta situación, desde esta noite e durante 15 días permanecerán pechadas discotecas e salas de festa de cidades como Barcelona e a súa área metropolitana, así como numerosas localidades das provincias de Lleida e Xirona.

A exclusión de España, o primeiro destino vacacional dos británicos, trastornará os plans estivais de moitas persoas, ademais de afectar os sectores turísticos español e do Reino Unido.

O portavoz de Interior do opositor Partido Laborista, Nick Thomas-Symonds, recoñeceu que a noticia "será moi preocupante para as persoas que se atopen atrapadas en España e para as que planeaban ir", e pediu ao Goberno que ofreza un plan sobre que apoio recibirán os cidadáns nesa situación.

Comentarios