viernes. 03.12.2021 |
El tiempo
viernes. 03.12.2021
El tiempo

Time nomea Persoa do Ano a Greta Thunberg, a máis nova en conseguir o galardón

Greta Thunberg protagoniza a portada da revista Time. EP
Greta Thunberg protagoniza a portada da revista Time. EP
A revista publica unha reportaxe coa activista durante a súa travesía en catamarán ata a súa chegada a Madrid para a COP25

A revista Time galardoou co premio Persoa do Ano a Greta Thunberg pola súa influencia na loita contra o cambio climático neste 2019. A moza activista sueca de 16 anos convértese deste xeito na máis nova da historia en recibir esta distinción

A revista americana Time, anunciou a noticia este mércores 11 de decembro acompañado dunha reportaxe coa protagonista durante a súa travesía en catamarán ata a súa chegada a Madrid para a COP25 o pasado venres 6 de decembro. 

En pouco máis dun ano, concretamente en agosto de 2018, Thunberg conseguiu mobilizar a todo o mundo e así foi capaz de que a súa mensaxe chegue aos líderes políticos. O pasado mes de setembro comparecía ante a Onu e advertía que se os líderes fallaban "non llo ía perdoar". "Vostedes roubáronme a miña infancia e aínda así eu son unha das afortunadas. A xente está a sufrir e morrendo e vostedes só poden falar de diñeiro", manifestaba enfadada Greta Thunberg. 

A activista converteuse nun fenómeno mundial e así o demostrou na súa chegada a Madrid, na que miles de persoas esperábana, tanto na estación de Chamartín como na COP ou na manifestación polo clima do pasado venres. 

Por iso, Time destaca que, a pesar de non ser "nin unha científica nin unha política, nin ter acceso a sectores de influencia como ser multimillonaria ou princesa, nin estrela do pop, nin sequera unha adulta", Thunberg "reuniu o valor para dicir a verdade ao poder", o que lle valeu ser "icona para unha xeración". 

Así mesmo, mencionan unha afirmación do presidente francés Emmanuel Macron, que afirma que as actuacións de Thunberg e dos mozos axudáronlle a "cambiar". "Cando se é líder, e cada semana hai mozos que se manifestan con esa mensaxe, non se pode permanecer neutral", recoñece. 

Con todo, a reportaxe destaca que, a pesar de ser unha nena, "aborda os problemas do mundo co peso dun ancián" e revive os días que Thunberg pasou no catamaran na súa segunda viaxe polo océano Atlántico. 

Time nomea Persoa do Ano a Greta Thunberg, a máis nova en conseguir...
Comentarios