El tiempo
domingo. 25.09.2022
El tiempo

Alumnos de Italia e Portugal coñecen o Camiño da man do CPI de Pedrafita

Grupo de participantes no proxecto, diante do Concello, onde foron recibidos polo alcalde. VICTORIA RODRÍGUEZ
Grupo de participantes no proxecto, diante do Concello, onde foron recibidos polo alcalde. VICTORIA RODRÍGUEZ
Os estudantes de fóra, un total de 25, pasarán unha semana co grupo de secundaria do centro grazas a un proxecto Erasmus que conecta escolas europeas unidas pola ruta xacobea

A ninguén se lle escapou este domingo na feira de Pedrafita o grupo de mozos e mozas que eloxiaban o polbo por primeira vez probado. Dez deles eran de Portugal, do centro Antonio Tapia de Freamundo, na rexión do Norte. Outros quince viñan do Piamonte italiano, da escola de Cavaglià. Os outros seis eran máis coñecidos, pois son os que están matriculados en secundaria no CPI Uxío Novoneyra deste concello. Hoxe andarán todos xuntos, e nunca mellor dito, entre Palas de Rei e Melide, facendo unha etapa do Camiño de Santiago e como parte dunha semana de convivencia grazas a un proxecto Erasmus que conecta centros vencellados á ruta xacobea de toda Europa.

The way that joins Europe é o título deste proxecto que o centro pediu hai un ano e que comezou no pasado mes de outubro. "Trátase de que o alumnado teña a posibilidade de socializar con estudantes doutras culturas, compartindo os seus contextos", comenta o director, Benjamín Longarela. Esta actividade é, polo tanto, a primeira de mobilidade desta iniciativa, que continuará cunha viaxe a Portugal de todos os participantes no mes de maio e outra a Italia no curso que vén.

Despois de chegaren a Pedrafita o domingo, onde teñen como base de operacións o albergue Rebollal, en Hospital, este luns estiveron no Cebreiro e no Courel, e hoxe, logo da etapa xacobea, pasarán a noite en Melide. Mañá continuarán coma peregrinos dende o Monte do Gozo a Compostela, para coñecer os principais atractivos da zona monumental da capital de Galicia. No fin do mundo acabará a súa peregrinaxe o xoves, co atlántico da Costa da Morte entre Fisterra e Corcubión. O venres coñecerán tamén a capital luguesa, e o sábado volverán aos seus lugares de orixe.

"As escolas coas que participamos son pequenas, coma a nosa, pero con moito que ofertar aos estudantes e á zona", indica Longarela. Ademais das mobilidades "que son unha experiencia moi enriquecedora a estas idades", engade o director, o alumnado traballa elaborando tutoriais sobre a peregrinación xacobea que case lles toca á porta das súas casas.

Alumnos de Italia e Portugal coñecen o Camiño da man do CPI de...
Comentarios