Toda unha vida camiñando

Con 90 anos Dolores Barro Alonso apuntouse para facer o Camiño Primitivo co grupo que sairá o sábado de Viveiro en autobús ata Lugo, onde empezará a ruta. Esta mestra xubilada anda a diario e fala do sentimento que lle produce ir a Santiago
Dolores Barro, nos xardíns de Viveiro. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Dolores Barro, nos xardíns de Viveiro. JOSÉ Mª ÁLVEZ

COA MOCHILA lixeira sairá o sábado Dolores Barro Alonso, Lolita, que aos seus 90 anos fará por cuarta vez o Camiño de Santiago, desta volta pola ruta Primitiva en cinco etapas, unha por mes. Ela vai co grupo de Viveiro en autobús ata Lugo, de onde saen a pé xunto cos do resto da provincia. Cando acabe a ruta, o 14 de maio, terá 91 anos que cumpre o 23 de febreiro. Ela é a persoa de maior idade das que se anotaron na camiñada organizada polas parroquias de Meira, Pol, Castroverde, A Milagrosa de Lugo e O Rosario de Sarria. Esta mestra xubilada di que "non penso levar moita cousa, porque nalgún sitio imos parar a tomar algo, eu son de comida a comida, aínda que pola tarde tomo unha froita e unhas noces que me aconsellaron para evitar o colesterol, máis por obriga que por necesidade", sinala.

Lolita xa fixo o Camiño outras tres veces. A primeira foi cunhas amigas e saíu dende O Cebreiro, despois fíxoo outras dúas dende Viveiro. Esta xovense de nacemento, pois é natural do Alto do Cruceiro, aínda que sempre tivo moita relación con Viveiro, xa que os seus avós maternos son de Celeiro, colleu o hábito de camiñar de nena tamén por obriga.

"Gústame camiñar porque sempre tiven que andar, a maioría das veces viña a pé ver os avós a Celeiro. Logo miña nai enviábanos cunha costureira á praia de Area no verán". Ese foi o motivo para que dende nova se adaptase a camiñar. Logo de facer Maxisteriro mantivo o costume porque o seu primeiro destino como profesora foi no Courel. "Había veces que podiamos ir en taxi, pero no inverno iamos andando. O día 29 de cada mes baixabamos a Quiroga a cobrar, tiñamos ese día libre e faciamos compras". Co tempo achegouse á casa, deu clases na escola da Rigueira e logo pasou ao colexio de Xove.

O hábito mantívose e agora sae "por non sentarme no sofá, porque é necesario", di. Tamén recoñece que "ás veces téñome que chamar bonita para empezar a camiñar, dígome "vou ata Lodeiro" pero despois mentalízome e chego a Celeiro, fago cinco ou seis quilómetros a diario, unha hora".

INTERIORIZAR. Esta veciña de Viveiro conta que para ela o Camiño "é algo especial, non só algo que escoitaches de toda a vida ou algo que fixeches un día, gustoume e volvo, senón que volvo porque os primeiros días vas con ánimo de pasalo ben, coñecer xente, estar en grupo, falar e ver como funciona, pero cando vas chegando cámbiache un pouco o chip, empezas a pensar en algo interior, preguntándote a onde vas e por que vas, e nunca me din unha resposta concreta, pero sei que me gusta volver, porque me sinto moi ben, con moita paz, e cando chego ao Monte do Gozo vexo que hai algo superior a nosoutros que nos guía, que nos sostén; iso pásalle a moita xente aínda que non o confese ou o vexa doutra maneira", reflexiona Lolita.

Recorda que un día, facendo o Camiño, empezou a falar cun home e cando estaban chegando díxolle "Eu non vou á misa, e daranme a Compostela?". "Si, dancha, vaite tranquilo", respostoulle ela. "Danlla a todo o que fai o Camiño, aos que veñen de fóra non lles preguntan se son ateos ou católicos, non lles preguntan nada, dancha por facer o Camiño", comenta.

Lolita Barro pensa que iso xa significa que "fas o Camiño por algo, porque sentiches algo. Aquilo quedoume moi gravado, porque pensei: non cren, pero senten ese respecto, é como dicir que hai algo que nos guía, que nos controla, que estamos á súa disposición, saben que nós somos máis pequenos. Penso que é ter unha vida interior que che está dicindo algo, sénteste diferente".

A profesora compara este feito coa afección dos casteláns e andaluces polos touros. "Son capaces de pasar sen comer por ir aos touros. Ese desexo de facer o Camiño, de chegar ao Monte do Gozo, se podo chegar alí e ver aquilo dende arriba paréceme que xa supón moito, máis que dicir cheguei, é algo por dentro, iso atráenos".

VIVENCIAS. O Camiño tamén supón compartir con outras persoas. Lolita pensa que doutro xeito faríaselle moi duro. "Aínda que teñas un momento para facer unha oración, para a túa intimidade, gústache escoitar un chiste, contalo, falar coa xente, comentar e que compartan contigo as súas experiencias. Ao mellor camiñando xorde algún comentario, falamos das nosas vivencias e coñecemos xente, atopas xente doutras comunidades, doutras maneiras de pensar, falas con elas", relata.

Lolita recorda unha discusión entre dúas mulleres, na que unha dicíalle á outra que facer a ruta por etapas non era facer o Camiño, que iso non valía. "Tiveron lea diante de nós pero ninguén se meteu, deixámolo correr. Cada un faino como pode ou como lle apetece, non todos temos o mesmo criterio sobre as cousas. Ao final de cada etapa póñenche un selo e despois danche a Compostela".

Agora agarda rematar esta nova andaina que empezará o sábado e pensa que non estorbará nin molestará porque levan uns coches de apoio con eles por se xorde algunha emerxencia. "Iso é unha tranquilidade, poden atenderme sen poñer en risco aos demais". Ela di que "non vou pretender agora chegar a primeira e penso que tampouco nos porán un cronómetro, se chego co último xa vale".

Lolita encamíñase a unha nova aventura. Lonxe quedan as viaxes que fixo de nova a Arxentina, a Estados Unidos, por Europa adiante ou os seis anos que viviu en Cuba ata a chegada de Fidel Castro ao poder, momento no que decidiu volver á súa terra. "Aí che vai unha vida rodada", di.

Un bebé de cinco meses de Lugo será o máis novo
Un bebé de cinco meses de Lugo será o máis novo dos 210 participantes da camiñada. Dende Viveiro sae un grupo de 35 persoas que se desprazarán nun autobús para estar no altar maior e nos laterais da catedral ás nove da mañá.

Bendición
O bispo Alfonso Carrasco Rouco daralles a bendición do peregrino antes de saír cara a San Román da Retorta, 18 quilómetros que esperan facer en cinco horas. Levarán calzado cómodo, chuvasqueiro, unha botella de auga e bocadillo para comer ao rematar.

Más en Actualidad Xacobea
Comentarios