O exministro Fernández Díaz: "O papa díxome que o diaño quería destruír España"

O que fora responsable de Interior con Rajoy relata así un encontro con Bieito XVI
Jorge Fernández Díaz. EFE
Jorge Fernández Díaz. EFE

"O diaño quere destruír España". Esas son as palabras que o papa Bieito XVI lle diría ao exministro Jorge Fernández Díaz nun encontro que mantiveron en xuño de 2015, cando o pontífice xa ostentaba o cargo de emérito e o sucedera Francisco I. O que fora ministro do Interior entre 2011 e 2016 no Goberno do popular Mariano Rajoy fai esta confesión nun vídeo gravado aparentemente durante o confinamento e que agora está a circular polas redes sociais.

Fernández Díaz, membro do Opus Dei e de profundas conviccións relixiosas, asegura que o papa emérito lle dixo, nun momento de máxima tensión co independentismo catalán, que "o diaño quere destruír España". E non só iso. Bieito XVI profundaría na súa explicación: "O diaño sabe os servizos prestados por España á Igrexa, como a evanxelización de América...".

O paso de Fernández Díaz polo ministerio está marcado polo uso da chamada policía política para perseguir a adversarios doutros partidos. Unha comisión de investigación no Congreso concluíu, neste sentido, que houbo "abuso de poder" na súa etapa á fronte de Interior.

Comentarios