A AAAG acorda non entregar xerras de Sargadelos aos gañadores dos Premios María Casares

A asociación censura a actitude "hostil" do administrador único da empresa cara á acción sindical

Xerras de Sargadelos entregadas como trofeos nas anteriores edicións dos María Casares. EP
photo_camera Xerras de Sargadelos entregadas como trofeos nas anteriores edicións dos María Casares. EP

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), como entidade organizadora dos Premios de Teatro María Casares, prescindirá das tradicionais xerras de Sargadelos como trofeo para as gañadoras e os gañadores das catorce categorías nas que se dividen os galardóns.

 A xunta directiva da AAAG tomou esta difícil decisión tras 22 anos entregando as xerras do histórico grupo empresarial ubicado en Cervo. Os motivos residen na dirección que tomou o grupo Sargadelos nos últimos tempos que, a ollos do colectivo de actores, "desvirtúa o histórico proxecto promovido dende a súa orixe por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane". 

A organización tamén censura a "actitude completamente hostil por parte do administrador único do grupo Sargadelos cara á acción sindical do seu cadro de persoal".

A gala dos XXIII Premios de Teatro María Casares celebrarase o próximo 21 de marzo no Teatro Rosalía de Castro da Coruña e o prazo de inscrición de espectáculos está aberta na páxina web da AAAG até o vindeiro 7 de xaneiro. Durante a cerimonia, desvelaranse os gañadores e gañadoras das catorce categorías. O novo trofeo que recibirán darase a coñecer a comezos de 2019.

Comentarios