'Con altura', de Rosalía, cóase na lista de Time de mellores cancións de 2019

A publicación destaca que o tema "soa como o futuro da música pop a escala global"

Rosalía durante un concerto en Manhattan, Nova York. EFE
photo_camera Rosalía durante un concerto en Manhattan, Nova York. EFE

A canción Con altura da cantante Rosalía e o reguetoneiro colombiano J Balvin foi seleccionada pola revista estadounidense Time como unha das mellores no que vai de 2019, grazas á súa mestura de dembow, hip-hop e flamenco.

A publicación destaca " camaleónica" Rosalía e o seu manexo de diferentes estilos, o que lle permitiu desenvolverse ben na canción de Balvin "que soa como o futuro da música pop a escala global".

As outras nove elixidas inclúen temas de Mark Ronson (Late Night Feelings), Lizzo (Juice), os Jonas Brothers (Sucker), a brasileira Anitta (Rosa) ou unha colaboración de Lil Nas X e o cantante de country Billy Ray Cyrus.

"Cando era máis nova encantábame escoitar reguetón e sería totalmente natural facer unha canción como esta antes, pero non me gusta forzar as cousas", explicou a artista en declaracións recollidas por Sony Music cando se lanzou o "single".

Nelas, Rosalía cualifica este tema como "un ritmo pop barcelonés-estadounidense-latino", que naceu "hai uns meses nun estudo de Miami" a partir dun extracto de música dominicana sobre o que traballaron Frank Dudes e El Guincho.

A cantante pechou a principios de mes o seu aclamado tour estadounidense de El mal querer, o seu último álbum, que a levou a debutar no recoñecido festival de Coachella e tamén en cidades como Nova York, onde actuou dúas noites.

A súa xira europea arrincará na súa Cataluña natal, cun primeiro concerto en 1 de xuño no festival Primavera Sound de Barcelona, un dos principais atractivos da cita, onde tamén lle acompañará o rei do reguetón.

O último concerto da xira está previsto que sexa no Gurtenfestival de Berna (Suíza) o 18 de xullo, aínda que antes pasará por cidades como Bilbao, París, Glastonbury (Reino Unido) ou Madrid. 

Comentarios